Menús ecolóxicos nos restaurantes do Grupo Nove

Os restaurantes do Grupo Nove ofrecerán, ao longo do mes de febreiro e primeira quincena de marzo, menús elaborados con produtos ecolóxicos, no marco dun acordo de colaboración co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) presentado hoxe no restaurante A Estación (Cambre, A Coruña), con presenza do conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia,  o presidente do Craega, algúns produtores galegos de alimentos ecolóxicos e a meirande parte dos cociñeiros do Grupo, dos que so faltaron Marcelo Tejedor, que se atopa en Huesca impartindo uns talleres de cociña, Xosé Cannas e Rafael Centeno. A campaña desenvolverase baixo o título “A mellor aposta da cociña galega de autor: alimentos ecolóxicos”

Tras dos discursos de rigor do presidente do Grupo Nove, Javier Rodríguez Ponte (escoitar), presidente de Craega, Xosé Antonio Fernández (escoitar) e o Conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal (escoitar) e a proxección dunhas imaxes sobre o Grupo Nove, a agricultura ecolóxica en Galicia e o Craega, os asistente tiveron oportunidade de probar algunhas tapas elaboradas polos membros de Nove con produtos de agricultura ecolóxica: empanada, mini hamburguesas, fabas de Lourenzá con polbo, polo frito con sésamo e diversos chupitos e espetadas, acompañados por viños galegos e sidra ecolóxica.

Os cociñeiros departiron cos produtores de alimentos ecolóxicos galegos nun acto que lembrou á presentación dos novos produtos de comunicación do Grupo no Pepe Vieira o pasado mes de XX.

Durante a primeira quincena de febreiro os menús con produtos ecolóxicos galegos estarán presentes en Casa Solla, Pepe Vieira Camiño da Serpe, Yayo Daporta, Pandemonium e Maruja Limón. Na segunda quincena do mes tomarán o relevo O Retiro da Costiña, El Mercadito, A Estación e A Gabeira. Finalmente nas dúas primeras semanas de marzo ofrecerán estes menús Domus, España, A Rexidora e Allo e Aceite

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *