A calidade das patacas

Patatas habanerasA pasada semana o Consello de Ministros aprobou un Real Decreto polo que se establece a norma de calidade para as patacas de consumo no mercado español, co obxectivo de mellorar a calidade e a adaptación dos produtos ofertados ás demandas dos consumidores.

Segundo este Real Decreto haberá dúas categorías: serán consideradas patacas de primeira as que presente boa calidade e as características morfolóxicas regulares da variedade á que pertenzan. O resto será de segunda. Estas dúas categorías veñen a substituir ás tres existentes ata o de agora: primor, calidade e común.

As patacas tamén se clasificarán en tres tipos comerciais:

Primor. Patacas colleitadas antes da súa completa maduración e comercializadas nos días inmediatos. A súa pel despréndese facilmente ao frotalas.

Novas. Patacas recollidas cando xa madureceron por completo e comercializadas nas semanas seguintes, sen máis almacenamento que o preciso para o proceso comercial.

De conservación. Colleitadas completamente maduras e que pasaron por un período máis ou menos longo de almacenamento.

Pataca de Galicia

O Real decreto pode clarificar as cousas para os consumidores máis esixentes e que reparan no etiquetado dos produtos máis aló do prezo dos mesmos. Pero polo momento o consumidor medio interesase fundamentalmente polo prezo que vai pagar e, se cadra, polas indicacións habituais de para cocer, para fritir e semellantes.

Resulta sorprendente que sendo Galicia, como é, produtora de patacas de gran calidade, a inmensa maioría desa produción se consuma fóra, fundamentalmente nos mercados de Madrid e Barcelona. Falo, claro está, das patacas comerciais acollidas á indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia xa que non é cuantificable a pataca producida para consumo propio, caso no que cada agricultor produce aquilo que mellor vai coas súas necesidades. Supoño.

A IXP Pataca de Galicia ampara patacas producidas en catro subzonas (A Limia, Lemos, Bergantiños e A Mariña-Terra Cha), da variedade Kennebec, a única autorizada na IXP.

A Kennnebec é unha variedade creada en Estados Unidos a mediados do século XX e que en Galicia se adaptou de maneira sorprendente, producindo unha pataca dun calidade moi superior ás que habitualmente se producen no resto de España e que o mesmo sirve para fritir que para cocer ou asar, cousa que moi poucas variedades poden dicir.

Pero resulta sorprendente que polo momento sexa a única variedade incluída na IXP e que non exista máis demanda de investigación sobre algunhas variedades tradicionais galegas que producen tubérculos de gran calidade, inda que seguramente en cantidades inferiores á Kennebec.

Hai anos saltou na Terra Cha a nova do descubremento dunha das antigas variedades de patacas que se cultivaban en Galicia antes da chegada da Kennebec e outras moi produtivas e que, en tempos nos que era máis importante a cantidade que a calidade, coparon os nosos campos. Cazona é o nome daquela pataca tradicional que milagrosamente se conservaba na Terra Cha. Anos despois, e non moi lonxe, no Valadouro, aparecía outra desas patacas case míticas: a Habanera da que xa temos falado en Colineta.

E non son as únicas. A Fina de Carballo e a Ganade son outras dúas variedades tradicionais que ben poderían estar nas mellores tendas e a prezos moi rendibles.

Polo momento a Fina de Carballo, a Cazona e a Ganade están en proceso de estudo, mellora e limpeza da planta por parte dos expertos alaveses, provincia onde tradicionalmente se centra o mellor da investigación sobre o mundo da pataca. A Habanera terá que seguir agardando a que os produtores se interesen pola variedade e demanden que se someta ao mesmo proceso que as outras tres. Ao parecer o problema é que se trata dunha pataca de primavera que so se pode producir en zonas cunhas condicións climatolóxicas determinadas. Vese que aínda estamos no tempo de producir moito, inda que sexa todo ao mesmo tempo. E mentres, as patacas de cedo seguirán chegando de Andalucía. Cunha calidade máis que discutible.

Foto: Patacas habaneras

4 thoughts on “A calidade das patacas

  • 24 de Xaneiro de 2009 at 18:50 06Sat, 24 Jan 2009 18:50:35 +000035.
    Permalink

    Non sei si meto a pata, pero recordo, nos primeiros tempos das patacas de Kennebec, oir falar de elas como “canadienses”,
    a meu abó. Non sei si tiña razón ou era falar por falar.
    Un saudo.

    Reply
  • 25 de Xaneiro de 2009 at 11:58 11Sun, 25 Jan 2009 11:58:04 +000004.
    Permalink

    Parabéns polo artigo. Se me permite, algunhas consideracións para ampliar a informacion.
    1.- Efectivamente a variedade kennebec é norteamericana, seleccionada polo Departamento de Agricultura dos USA en 1941 a partir de cruzamentos con outras variedades (Chippewa e Earlain entre outras).
    2.- Non é exacto que as variedades autóctonas estean en fase de estudo en Älava, senón que os rexistros das tres variedades citadas están en poder de NEIKER (Instituto Vasco de Investigación y desarrollo Agrario), que produce semente libre de virus (máis ben non a produce) en función dos seus intereses comerciais. De feito, hai un par de anos era materialmente imposible obter pataca de sementeira certificada de Cazona, polo que, na práctica, podía falarse dunha variedade desaparecida (aínda que gardada nos bancos de xermoplasma vascos). O por que desta situación é outro conto e daría para moitos artigos.
    3.- Pódese obter pataca Fina (ou blanca) de Carballo (ou Bergantiños) con certa facilidade. É unha pataca con moi boas condicións de carne pero cos ollos moi profundos, e polo tanto difícil de pelar, o que lle resta capacidade comercial.
    4.- Parece ser que está en estudo a ampliación da zona de amparo á comarca de Verín, e non se desbota a extensión a outras áreas. Que exista unha denominación xenérica (Pataca de GALICIA) extendida soamente a unha poucas áreas de produción é outra cuestión absurda. De feito, non é posible amparar pataca kennebec producida por exemplo na comarca de Betanzos. Item máis: prohíbese calquera referencia a Galicia no nome comercial dunha pataca kennebec das mariñas coruñesas con maiores condicións obxectivas de calidade que o 99% da amparada pola IXP.
    5.- Existe pataca da IXP cultivada en secaño, de altisima calidade e baixo rendemento, convivindo con pataca de regadío, de alto rendemento pero calidade media, sen que se indique no envasado. Aínda pior: no envasado non se indica a subzona de produción, cuestión clave dadas as diferenzas de calidsde, e esto agrávase co feito de terse detectado trasego (legal) de pataca colleitada na Limia para ser envasada en Bergantiños. Así, o consumidor soamente recibe como información que é pataca da IXP envasada en Bergantiños (área con maior sona comercial). Sen comentarios.
    6.- Por último, indicar que a IXP ampara soamente pataca “de calidad” e non “de primor”, polo que non é posible a produción de pataca nova baixo esta figura.

    Máis nada, e desculpe a extensión.

    Reply
  • 25 de Xaneiro de 2009 at 12:54 12Sun, 25 Jan 2009 12:54:34 +000034.
    Permalink

    eSedidió, gracias mil polas aclaracións que me abren os ollos en moitos sentidos. Agora entendo porque algunhas patacas con IXP comercializadas en Galicia son dunha calidade tan distinta das Kennebec que eu sempre coñecín.
    Polo que respecta á afirmación de que Cazona, Ganade e Blanca de Carballo están en Álava sometidas a un proceso de limpeza, é información que me transmitiron dende a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia cando me interesei polo asunto.
    Gracias unha vez máis pola información.

    Reply
  • 30 de Xaneiro de 2009 at 18:28 06Fri, 30 Jan 2009 18:28:40 +000040.
    Permalink

    Yo la verdad es que de variedades de patatas entiendo más bien poco, pero patatas como en la zona norte de España, para mí no las hay mejores.

    Una cosa que me estoy fijando ultimamente, es el poco hincapié que hacen la mayoría de los restaurantes en tener una buena patata (ya sé que este año fué un año pésimo para la patata).

    No es la primera vez que una mala patata (o un mal pan) me amarga una buena comida …

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *