Produtores e hostalerios “fixeron país” en Tomiño

Facendo país, a xornada destinada a establecer contacto entre representantes das casas de turismo rural do sur de Pontevedra, cociñeiros e produtores galegos de materias primas e alimentos de primeira calidade resultou todo un éxito, tanto pola asistencia de público como polo interese amosado polos produtos participantes.

Os membros da asociación Agarimo puideron coñecer de primeira man os produtos e os produtores alí presentes: galletas mariñeiras Daveiga, conservas Amorodo, caviar de ourizo Mar de Lira, grelos deshidratados Milhulloa, albariño Abadía de Tortoreos (D.O. Rías Baixas), tintos Señorío de Rubiós (D.O. Rías Baixas), requeixo das Neves e Leite Cru O Alle.

Despois dunha rápida explicación dos produtos presentados e a resposta das dúbidas plantexadas polos asistentes, estes puideron probar as tapas preparadas polos cociñeiros da Quinta do Ramo empregando a materia prima dos produtores alí presentes.

Cabe salientar que en tódolos casos se trata de empresas e produtores galegos, que traballan de maneira artesanal e co emprego de materias primas procedentes do seu entorno. Desta maneira, as conservas vexetais Amorodo prepáranse fundamentalmente con produtos galegos, chegando ao punto de indicar nas etiquetas a explotación de onde proceden as materias primas. Daveiga elabora as súas galletas mariñeiras con trigo do país, Mar de Lira so envasa caviar de ourizo capturado en Lira polas sete mariscadoras que compoñen a cooperativa. A Cooperativa Condado-Paradanta elabora requeixo con leite galego e proximamente producirá o seu propio leite, ao tempo que comercializa mel de produción propia. Tamén son de produción propia os grelos e infusións que elabora Milhulloa, así como os viños de Abadía de Tortoreos e Señorío de Rubiós e o leite cru de O Alle.

Na cabeza dos produtores alí reunidos queda a intención de seguir organizando contactos con cociñeiros e hostaleiros para dar a coñecer os seus produtos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *