Máis de 1.600 litros de aceite de Quiroga saíran ao mercado este ano

Aceite de Quiroga

Están tolos estes de Quiroga” dirá Obelix no caso de que algún día se publique o album “Asterix e Obelix na Ribeira Sacra“, que seguramente está xa debuxado pero moi gardadiño para unha ocasión especial.

Na viñeta en que tal exclama, o galo mira como algúns de Quiroga, no sur da provincia de Lugo, se afanan en recoller as olivas de oliveiras que ben puidera ter contemplado no seu tempo o Conde Lemos. Falo, claro, do Conde de Lemos ao que puido suceder Pardo de Cela a finais do século XV, posibilidade que puido ser a causa, segundo o historiador experto na cuestión Antón Meilán, que lle custou a vida ao Mariscal.

Porque din que en Quiroga hai oliveiras que poderían acadar os 500 anos de idade. E seguen a producir.

Conta Manuel Gómez, de Val de Quiroga, unha das dúas marcas de aceite da zona, que por alí hai unhas oito mil oliveiras, das que estarían en produción arredor de dúas mil. Moitas son centenarias, pero tamén as hai que comezan agora a producir aceite, como nos explica Manuel Mondelo, de Aceiroga, a outra marca de aceite quirogués: “Este ano a colleita foi boa, e deron olivas as oliveiras vellas e tamén as novas“. Tanto Gómez como Mondelo plantan novas oliveiras cada ano, e cada ano buscan coller máis olivas e producir máis aceite.

Na colleita de 2008, xa rematada inda que pendente de envasar, poderían saír ao mercado entre 1.600 e 1.700 litros de aceite de oliva galego baixo as dúas marcas citadas. Val de Quiroga calcula que poñerá no mercado arredor de 1.500 botellas de medio litro (750 litros de aceite) e Aceiroga podería comercializar arredor de 900 litros en botellas de medio  e cuarto de litro. A estas cantidades haberá que sumar o que leven á Mostra do Aceite de Quiroga os cinco colleiteiros que participan na mesma, que pode chegar en total a uns 500 litros, vendidos en botellas de cuarto.

Polo momento non hai data para a Mostra de 2009, segundo indica Guillermo Nogueira, propietario do muíño de Bendilló, o último muíño tradicional, movido por un burro, que queda na zona en funcionamento, despois da súa restauración e no que se celebra dita mostra. “Aínda temos que xuntarnos para decidir a data“, asegura Guillermo, quen tamén di que previsiblemente a Mostra será en marzo, como é habitual, “para agardar que o tempo mellore”.

Pero aínda faltan dous ou tres anos para que a produción de aceite de oliva galego teña unha certa entidade. Será aló por 2010 ou 2011, cando comecen a producir olivas as 25 hectáreas de oliveiras plantadas na provincia de Ourense, en montes comunais, co apoio da Consellería de Medio Rural. Trátase de 37.000 oliveiras de distintas variedades, incluída a “galega” procedente de Portugal. A única empresa galega que envasa e comercializa aceite de oliva a gran escala, Aceites Abril, será a encargada de elaborar o aceite coas olivas ourensás, agardando chegar a preto de 60 mil litros ao ano de aceite de oliva galego en pouco tempo.

A estas alturas do conto Obelix xa dubida. Máis despois de escoitar a Manuel Mondelo dicir que o do aceite é un negocio máis seguro que o do viño: “Vendo todo o que produzo sen saír da casa”.

10 thoughts on “Máis de 1.600 litros de aceite de Quiroga saíran ao mercado este ano

  • 14 de Xaneiro de 2009 at 17:05 05Wed, 14 Jan 2009 17:05:41 +000041.
    Permalink

    Sempre quixen saber as razons que determinaron a prantación desta ou daquela variedade de oliva e na proporción elexida. Sospeito que o principal factor ou o determinante foi o comercial, por iso do tiron da arbequina, máis nas nosas condicions xeoclimáticas, é aceptabel perder o tempo para comprobar que non é a axeitada? ademais para unhas míseras 25 hectáreas non seria mellor prantar algo diferente e máis próximo a nos.
    En Portugal sucede algo parecido coa variedade azeitona galega, a máis reputada e de calidade pero como a arbequina, e outras, é máis productiva e máis doada de cultivar pois son as únicas que aumentan a sua superficie de cultivo.
    O tempo dirá

    Un saudo

    Reply
  • 14 de Xaneiro de 2009 at 17:28 05Wed, 14 Jan 2009 17:28:46 +000046.
    Permalink

    O problema é complexo. En Quiroga hai oliveiras centenarias en produción, pero non se fixo ningún estudio para saber que variedade son.
    Nas 25 hectáreas prantadas en Ourense puxeron distintas variedades (arbequina, picual, hojiblanca, arbosana e galega) co obxectivo de ver cal é a que mellor se adapta a Galicia de cara a unha posible extensión do cultivo. ¿Por que motivo elixiron estas variedades e que información técnica empregaron?. Non cho sei.
    En Quiroga queixánse, e paréceme que con razón, de que Medio Rural aposte por novas plantacións antes que por poñer a producir tódolos olivos centenarios da zona (algúns están acabando de adorno en xardíns)e facer un estudo sobre os mesmos. Non so multiplicarían por catro a actual produción senón que pensan que as oliveiras se convertirían nun atractivo turístico máis da zona

    Reply
  • 14 de Xaneiro de 2009 at 18:42 06Wed, 14 Jan 2009 18:42:24 +000024.
    Permalink

    …daremos por suposto que o aceite é bo, pero a que nivel?, e que acidez lle sacan?

    Reply
  • 14 de Xaneiro de 2009 at 19:09 07Wed, 14 Jan 2009 19:09:44 +000044.
    Permalink

    Eu merquei o ano pasado unha botella de aceite de Val de Quiroga e outra de Aceiroga e ambos me pareceron moi bos. Afroitados, cunha acidez moi correcta. Evidentemente, o prezo xa non me gustou tanto, pero cunha produción tan pequena é inevitable. Unha das botellas costoume 13 euros e a outra 18, en distintas tendas de Compostela. Son as que aparecen nas fotografías que acompañan este post, que tiven que facer para unha reportaxe sobre o tema que publiquei na revista Origen o pasado mes de decembro.

    Reply
  • 15 de Xaneiro de 2009 at 16:16 04Thu, 15 Jan 2009 16:16:17 +000017.
    Permalink

    Os prezos xa se sabe como van, pero lembro dende a primeira vez que merquei unha (penso que no 2003 ) que a explicación é doada: Producción artesanal. É puro zume de olivas.

    Lembro que cando mercara aquel medio litro (por un prezo que non lembro), xa me dixeran que alí non o utilizaban en alimentación senon de xeito medicinal, para curar doenzas da pel.

    Unha vez probado un decátase de que para a pel sirve calquera aceite, pero nunha ensalada a cousa é ben distinta.

    Reply
  • 15 de Xaneiro de 2009 at 19:19 07Thu, 15 Jan 2009 19:19:40 +000040.
    Permalink

    …o outro día, visitando unha cooperativa, o productor convenceunos de que o prezo do aceite é relativamente barato comparandoo, por exemplo cun viño que nos tomamos nun xantar, mentres que polo mesmo prezo temos un aceite que ben nos dura uns días. Quizais sexa unha cuestión de costumes, e cóstanos gastalos cartos así, a pesares de que un bo aceite é unha delicia.

    Reply
  • 25 de Xuño de 2009 at 13:30 01Thu, 25 Jun 2009 13:30:34 +000034.
    Permalink

    quisiera saber el aceite que se comercializa en la zona de
    Quiroga que es lo que tiene en especial taninos para la salud si es así que4 me lo espliquen.
    Gracias

    Reply
  • 09 de Decembro de 2010 at 12:19 12Thu, 09 Dec 2010 12:19:06 +000006.
    Permalink

    Pfgarea, la acidez viene determinada exclusivamente por el manejo de la aceituna hasta la molienda, no se relaciona, hasta donde yo sé, con el clima. Es sólo una medida de la calidad basada en evitar que la fruta fermente por un almacenamiento o un trato indebido.

    Un saludo.

    Reply
  • 02 de Marzo de 2011 at 18:29 06Wed, 02 Mar 2011 18:29:09 +000009.
    Permalink

    Melvin, en ningún momento relacioné el clima con la acidez del aceite.

    Reply
  • 19 de Novembro de 2013 at 13:21 01Tue, 19 Nov 2013 13:21:10 +000010.
    Permalink

    He probado los aceites y me parecen muy ricos.Tengo unos olivos en La Villa del Castro(Barco de Valdeorras ) .¡A dónde puedo dirigirme para llevar los Kg de aceituna que recojo ?

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *