A Deputación de Lugo agasalla gastronomía provincial

Lacón con grelosTres hurras polo Presidente da Deputación de Lugo, Ramón Gómez Besteiro, que decidiu transformar en agasallo institucional algúns dos produtos propios da provincia para deleite dos seus convidados.

Moitos organismos oficiais teñen por costume entregar un agasallo representativo aos seus visitantes ilustres e outro non tanto (no meu salón anda un San Froilán, feito en Sargadelos, agasallo do chorado Luís Cordeiro). Os libros de exaltación do labor feito por esa mesma institución son habituais, así como pins, cerámicas e moitos outros obxectos frecuentemente inútiles e de inmediato arrinconados polos seus perceptores, que con toda seguridade non van facer o mesmo cando visiten, a partir de agora, a Deputación lucense.

Vexo en El Correo Gallego que o chamado “lote común” se compón de queixo de San Simón da Costa (Vilalba), dúas botellas de vino de Amandi (Sober), augardente de Portomarín, aceite de oliva de Quiroga, fabas de Lourenzá, salchichón de A Fonsagrada, un tarro de bonito de Celeiro, torta de Mondoñedo, melindres de Sarria, castañas en xarope de Chantada, mel e bombóns de Lugo, torta de millo de Guitiriz e rosquillas de Monforte.

Pois non está mal a cousa, inda que boto a faltar algunhas cousas importantes, coma o mel do Valadouro, o máis premiado de Galicia, ou as galletas mariñeiras de Daveiga que tanto éxito están a ter. Tampouco estaría mal que de cando en vez a torta de Mondoñedo se substituíra polo Antonxo do Mariscal ou a colineta que penso seguen a facer as monxas de Viveiro e Ribadeo. A rosca de améndoa de Vilalba tampouco desentoaría no lote, o a torta caurelá de castañas. En tempada uns pementos de Mougán, unhas leitugas de Mondoñedo, daríanlle cor á cesta. Inescusable a ausencia dun botelo ou dunha androlla.

Obrigatoriamente, por imperativo da cadea de frío, teñen que quedar fóra os capóns de Vilalba (agora hai todo o ano o capón de cinco meses), as tortas da Fonsagrada, a pescada de Celeiro, o bonito de Burela e tantas outras cousas boas de Lugo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *