Valdeorras apúntase ao tostado

Os viticultores máis vellos da comarca gardaron a tradición, a elaboración de viños tostados, e agora o Consello Regulador da Denominación de Orixe de Valdeorras, con financiamento de Medio Rural e o apoio da EVEGA (Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia), pretende recuperala para diversificar a súa oferta e mellorar a súa imaxe de marca cun produto de elevada calidade. O viño tostado parte de elaboracións moi especiais e limitadas, co que se consegue un viño doce moi aprezado e de alto valor no mercado.

A investigación iniciouse en setembro, experimentando con dúas variedades, a branca Godello, caste autóctona, emblemática da denominación de orixe Valdeorras, e a tinta Garnacha. O primeiro paso foi o secado natural da uva mediante pasificación. Os viticultores facíano antano pendurando os acios. No proxecto, probouse a secalos en caixas ao cuberto e á sombra, ao longo de dous meses, nun lugar pechado e ventilado. Unha vez pasificada a uva iniciouse o prensado e logo a posterior fermentación.

Neste primeiro ano de estudo o rendemento en mosto, referido á uva posta a pasificar inicialmente foi do 20% en total. Está previsto que a fermentación, aínda en curso neste momento, remate cunha cantidade de azucres residuais de 70 gramos por litro e un grao alcohólico superior a 13 graos. Unha vez finalizada, a EVEGA realizará as pertinentes análises para determinar a calidade do produto obtido. “A elaboración dun viño diferente do que actualmente hai en Galicia, un doce natural, pode ser de interese para un mercado moi selecto, e permitiría, non unha produción masiva, mais si que algunhas adegas puideran ofertar un produto diferenciado“, afirma Alfonso Losada, investigador da EVEGA.

Viños de uva conxelada

De modo parello, no Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras están a levar a cabo, por primeira vez, un proceso novidoso en Galicia, como é a elaboración de viño doce mediante a conxelación parcial da uva. As variedades coas que se está a experimentar son, de novo, o Godello e a Garnacha Tintorera. Coñecidos e aprezados no mercado son os “icewine” canadenses e alemáns, conxelados ao natural, no propio viñedo, e cunha tradición detrás de varios centos de anos. Neste caso, e dado que as condicións climáticas do país non permiten a conxelación ao natural, esta farase en cámara, a -5 graos centígrados. Ao conxelarse en pequenos cristais a auga que a uva contén, o mosto resultante é máis concentrado e rico en azucres, e conséguese aumentar en 1 ou 1,5 graos o nivel de alcohol.

Durante o proceso experimental, a fermentación detívose de modo artificial nos 13-14 graos e con azucres residuais comprendidos entre os 40 e os 70 gramos/litro. Na actualidade, e tras rematar o proceso de fermentación, foron xa enviadas mostras á EVEGA para as pertinentes análises. Da calidade final que se obteña, así como da valoración da rendibilidade do proceso, dependerá a inclusión ou non desta técnica para a elaboración de viños acollidos ao regulamento da Denominación de Orixe Valdeorras.

Diversificar con calidade

Queremos chegar á excelencia, á elaboración de viños doces de alta calidade para diversificar a oferta e probar a posibilidade de, coas nosas variedades, facer outro tipo de viños“, afirma Jorge L. Mazaira, do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras. A obtención dun produto novo de elaboración especial permitiría abrir mercados novos, máis exquisitos, mellorar a imaxe de marca e afianzar o resto dos produtos da Denominación de Orixe Valdeorras. Ademais, contribuiría a mellorar a economía dos viticultores e das adegas e a evitar, deste xeito, o abandono de terreos de viñedo.

O proxecto nace coa intención de aproveitar ao máximo as posibilidades da variedade autóctona Godello, ao incidir na súa versatilidade para ser aproveitada en diversos procesos de elaboración, así como potenciar tamén a variedade tinta Garnacha, foránea. A elaboración de viño doce a partir desta caste podería ser unha saída naqueles anos nos que hai excedentes de produción. Ámbalas dúas, segundo explica Mazaira, contan con características adecuadas para a elaboración de viños tostados. O Godello, por ser de maduración temperá, o que permite reducir o risco de que a uva se dane no viñedo e obter, ademais un bo grao alcohólico, de modo que o tempo de pasificación posterior necesario se reduza. A Garnacha, por ser unha variedade que pasifica moi ben, tanto na cepa como en abrigo.

Outro dos obxectivos do proxecto é incrementar o coñecemento do mundo dos viños, e máis en concreto, dos viños doces, por parte do Comité de Cualificación do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras. Con tal fin, celebrouse neste mes de decembro un curso de cata, impartido polo sumiller Luis Paadín, co fin de formar expertos no coñecemento de diferentes viños doces do mundo, tanto para analizar a competencia como para determinar os graos de excelencia aos que se quere chegar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *