Casa Marcelo: pescada de Celeiro… con agridoce de pementos vermerllos

Merluza de Celeiro con agridulce de pimientos rojosPara celebrar o éxito acadado pola Pescada de Celeiro con caldo de pementos verdes e pilpil de limón visitamos o mércores Casa Marcelo, onde nos sorprenden cunha nova versión da mesma pescada, neste caso con “agridoce de pemento vermello”. No prato e na foto pode parecer unha pescada con allada, pero nada máis lonxe da realidade.

Pero volvamos ao comezo. Antes de comezar a comida Marcelo preguntou se nos importaba probar moitos pratos e, ante a nosa resposta afirmativa, avisou de que non rebañáramos o que nos fora chegando, cousa que máis ou menos foi facendo a miña muller. Pero eu nin fun quen de resistirme a acabar co que viña nos pratos e ao final, por prudencia do cociñeiro que non nos quería empachados, quedaron un par de cousas por probar.

Comezamos cunha anchoiade que eu xa probara na presentación da nova imaxe do Grupo Nove, pero que en Casa Marcelo me pareceu máis cremosa, cremosidade que contrasta estupendamente co crocante das láminas de pan que a acompañan. O verde do prato procede do perexil, segundo nos indicou Iván, o xefe de cociña de Marcelo.

De seguido un prato que me pareceu divertidísimo: “orella de porquiño”. Unha pequena orella de porquiño churrascada coma un roxón sobre unha vinagreta que refrescaba a boca. Atrevida, divertida e riquísima.

Pasamos a maiores cunha sopa, un prato tan difícil de atopar hoxe en moitos restaurantes de alta cociña. A nosa foi unha sopa de boletus espumosa, lixeirísima e con todo o recendo e sabor da seta fresca (uns días antes charlaba eu con Iván cando chegou o provedor con algúns dos últimos exemplares desta tempada). Nese momento Stella dixo algo que resume a cociña de Marcelo: “Aquí as cousas ulen ao que son“.

Non é fácil atopar un prato para despois dunha sopa de aromas e sabores tan potentes. Á nosa mesa chegaron os “Chocos e a súa tinta”: choco cortado como se fosen pappardelle e coa tinta no fondo do prato. Unhas semillas de sésamo reforzaban, e moito, os sabores e aromas.

Os primeiros peixes da comida chegaron co “Encaldo de cabracho e salmonete” unha sinfonía de cores e contrastes entre o vermello da pel do peixe o morado da cebola e o ton gris do caldo. Os sabores reproduciron os mesmos contrastes cromáticos.

E antes do segundo peixe do menú chegou una minestra de cogomelos que precedeu á nova presentación da pescada, da que falaba ao comezo: “Pescada de Celeiro e agridoce de pemento vermello“. O peixe, como sempre, no seu punto perfecto de cocción, que para a pescada en Casa Marcelo teñen absolutamente controlada. O caldo de pementos vermellos é exactamente o que se anuncia, lixeiramente agre polo limón, un pouco doce e un chisco picante. Toda unha experiencia, inda que superar o prato orixinal co caldo de pementos verdes e pilpil de limón non vai ser traballo fácil.

De seguido unha das grandes, e moi agradables, sorpresas da comida: “Paspallás ‘label rouge’ e repolo estufado“. A peituga do paspallás envolta en bacon ben, o zanco sen máis aditamento moi ben, pero o repolo, o repolo merece un lugar para si só no mellor dos menús. Aproveitei que pasaba Iván ao pe da miña mesa para deixar constancia do meu agradecemento por tan rica verdura. “O outro día Marcelo deunos unha clase de cociñar repolo que nos deixou pasmados“, respondeu o cociñeiro.

Rematamos cunha sobremesa composta por senllos xeados de chirimoia e aguacate, sobre un caldo de lima cunhas perlas do Xapón. Cada cousa tiña o seu propio sabor, pero combinando uns e outros cada cullerada ofrecía sensacións diferentes da anterior.

O remate foi un espectáculo: a versión de Casa Marcelo da torta Selva Negra. Unha lámina de chocolate negro separaba un cremoso xeado de trufa da nata, tamén xeada, pero neste caso con nitróxeno líquido, de maneira que cada cullerada facía saír fume da boca do comensal. Alí estaba tamén un renxente e a súa cereixa. Toda unha guinda para rematar un menú excepcional.

Bebemos un Louro do Bolo, auga mineral Cabreiroá e rematamos cun café, unha infusión e unha longa charla con Marcelo e as súas andanzas bogotanas, que Stella quería coñecer de primeira man que lle parecera ao chef a súa cidade natal.

2 thoughts on “Casa Marcelo: pescada de Celeiro… con agridoce de pementos vermerllos

  • 23 de Decembro de 2008 at 01:20 01Tue, 23 Dec 2008 01:20:23 +000023.
    Permalink

    Unha preguntiña señor Colineta…

    Este é o menú que se ven servindo no restaurante ultimamente (mais ou menos claro) ou houbo algunha engádega pactada previamente.

    E como anda de prezo… Tárdame por experimentar a afamada cociña do Marcelo e se cadra cae un día destas festas.

    Moitas Grazas

    Reply
  • 23 de Decembro de 2008 at 16:49 04Tue, 23 Dec 2008 16:49:49 +000049.
    Permalink

    Este é o menú que comín eu o mércores 17 de decembro. Ese día servían o mesmo menú, pero sen o “encaldo de cabracho e salmonete” e a “selva negra”, que foron engadidos. Eu tomei sopa de boletus mentres que a do menú era de fíuncho.
    O prezo do menú en Marcelo está en 60 euros máis ive (sen incluir bebidas).

    Reply

Deixa una resposta a Miguel Vila (Colineta) Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *