O Grupo Nove presenta a súa “Chef’s Big Band”

A “Chef’s Big Band” do Grupo Nove fixo soar na tardiña de onte os seus instrumentos nunha jam session celebrada na espléndida cociña do restaurante Pepe Vieira Camiño da Serpe, ante varias ducias de convidados que recolleron coas súas propias mans a música dos cociñeiros para levala á boca e disfrutar de espléndidas ostras con escuma de escabeche, moegas de tenreira con uvas e queixo de San Simón, cremoso de bacallau con pasas, renxente de grelos, chicharróns e tetilla, pastel de cabracho e ourizos, unlla de porco celta con gambas, canelon de faisán con trufa, escuma de anchoas sobre renxente de pan, torrixa ao forno con xeado de vainilla ou biscoito de chocolate gianduja e nata recheo de trufa líquida e améndoas. Amenizou a festa un cuarteto de jazz.

Por un momento a cociña estivo a piques de converterse no camarote dos irmáns Marx, “veña viño, é a guerra“, quixo berrar alguén que finalmente se cortou, ocupado como estaba en contar o número de pernas existentes na cociña para dividir entre dous e saber así canta xente se atopaba presente.

A actuación dos membros do Grupo Nove, entre os que so botei en falta a Gonzalo Rei, de El Mercadito, e Javier González, de A Rexidora, que por motivos profesionais non puideron estar en Poio, viña motivada pola presentación dunha nova peza de comunicación, como chaman no Grupo a eses divertidos desplegables e tarxetóns con que agasallan aos clientes dos seus restaurantes.

Se hai dous anos os cociñeiros se transmutaban en personaxes de circo, desta volta, e sen quitar a chaquetiña, empuñaron culleres e culleróns, tixolas, batedores e cazolas para compoñer a big band que ven na foto.

Nunhas palabras previas o presidente do grupo Javier Rodríguez Ponte “Taky” aproveitou para destacar os logros do grupo, que acumula seis das oito estrelas Michelín que ten Galicia na actualidade, 10 dos 23 soles da Guía Repsol (antes chamada Campsa), campión e subcampión de España de cociñeiros, cociñeira do ano, dous campións de Galicia de cociñeiros, catro subcampións de Galicia de cociñeiros, premio Alimentos de España, premio nacional de hostalería, premio Bidasoa da crítica, tres premios de turismo e gastronomía de Galicia. E moita, moita música interpretada maxistral e colectivamente nos fogóns de Pepe Vieira onte e o resto do ano cada cociñeiro na súa propia casa.

Era un reto enorme realizar unha presentación pública no interior dunha cociña. Pero como dirían na televisión: proba superada.

3 thoughts on “O Grupo Nove presenta a súa “Chef’s Big Band”

  • 11 de Decembro de 2008 at 11:11 11Thu, 11 Dec 2008 11:11:38 +000038.
    Permalink

    Qué envexa! Xa me pesou non ter ido. Foime completamente imposible.
    A ver se no vindeiro cambio de imaxe…

    Reply
  • 11 de Decembro de 2008 at 19:21 07Thu, 11 Dec 2008 19:21:49 +000049.
    Permalink

    , que interesante e que bonito que exista este grupo, quen fose un deles!!…

    Reply
  • 12 de Decembro de 2008 at 13:03 01Fri, 12 Dec 2008 13:03:26 +000026.
    Permalink

    Llevo con NOVE casi desde el principio y fué genial sentir que el “espíritu NOVE” sigué ahí y se contagia. Gracias a todos!

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *