Los jueves milagro

“Los jueves milagro” era o título dunha película de Luís García Berlanga que da un titular estupendo cada vez que hai novas en xoves, así que non é a primeira vez que o emprego, inda que non sexa capaz de lembrar onde o fixen antes.

Este xoves, 11 de decembro, San Dámaso (Papa) e santos Paulo, Fidel e Masona, bispos, non haberá (¿ou si?) milagre en Compostela, pero o mesmo da, porque os amantes da boa mesa van ter oportunidade de asistir ao nacemento dun novo restaurante, un restaurante agardado por todos durante longos meses.

O xoves 11 de decembro abre as súas portas o restaurante Pedro Roca, dirixido polo cociñeiro do mesmo nome, o que levou as cociñas do hotel Araguaney ata o seu máximo esplendor.

Pedro Roca abre establecemento no número 1 da rúa Domingo García Sabell, moi preto de San Francisco, un hotel monumento onde vostede poderá lembrar a Umberto Eco e a súa novela “No nome da rosa” cando de reollo vexa a sombra fugaz dun franciscano entre os arcos do claustro do hotel-convento.

Polo momento o restaurante de Roca (ningún vencello familiar cos irmáns do Celler, por moito que algúns enterados insistan niso) abre con menú degustación para, progresivamente, incorporar a carta á súa oferta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *