Leite crú

Hoxe moitos non lembran o sabor do leite de vaca e outros non o coñeceron nunca. Estou a falar do leite tal e como sae dos tetos da vaca, sen tratamento de ningún tipo, incluso sen ferver, que pouco ten que ver co leite UHT que consome a maioría dos españois, por desgraza para o noso sector lácteo e para eles mesmos.

Xa teño falado aquí de leite pasteurizado, que recibe un tratamento moito máis lixeiro que o UHT ou o esterilizado e que, polo tanto, se aproxima máis ao leite-leite.

Unha gandería de Lalín permite agora, por un custe certamente inapreciable, beber leite de verdade, case tal como sae da vaca, sen tratamento térmico de ningún tipo, sen homoxeneizar e sen máis manipulación que o seu arrefriamento inmediatamente despois de muxido. É o único que o diferenza de tomar leite acabado de muxir, que está morno.

Dicía que se trata de leite sen homoxeneizar, polo que é preciso axitalo antes do seu uso, xa que no leite natural a graxa tende a formar unha capa na superficie de varios milímetro de espesor. A homoxeneización do leite pasteurizado ou UHT impídeo.

O leite da botella que se ve na foto merqueino o venres pasado na chamada Plaza do Ensanche de Santiago de Compostela, na que os venres se celebra un mercado téxtil e de produtos do campo e onde a pasada semana estaba presente un posto que vendía verduras ecolóxicas e o leite do Alle, amparado polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia. O posto de produtos ecolóxicos do Mercado de Abastos tamén ten este leite.

Non é o prezo un problema. O litro custa 1,30 euros, 40 céntimos máis que unha boa marca de leite pasteurizada ou UHT (alá vostede se merca leite a prezo inferior). ¿Por 20 céntimos diarios vaise privar vostede deste pracer cando non repara no custe da xenebra do seu gin tonic?.

Polo que vexo na web da marca tamén serven a domicilio. O único problema é que o leite caduca aos tres días de envasado, pero se merca pan fresco a diario, ¿porque non leite?.

4 thoughts on “Leite crú

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *