Dous anos despois, Noia volve capturar ostras

Os amantes do marisco galego, do bo marisco galego, están de sorte nas últimas semanas coa apertura e os períodos de captura de diversas especies que estaban en veda, como é o caso da centola, que abriu na segunda quincena de novembro.

Na ría de Noia fai uns días abriuse a captura de ameixas e agora faino a de ostras, logo de dous anos de veda. Na primeira xornada capturáronse preto de 3.000 unidades por parte de dous barcos, con prezos que foron desde os 13 céntimos a 1,16 euros por unidade.

Tamén está en época de capturas o santiaguiño, un marisco que xa non se ve no mercado polo escaso das capturas e o alto do prezo. Segundo datos da consellería de Pesca da Xunta de Galicia, no que vai de campaña (comezou o 1 de outubro) vendéronse en lonxas galegas 540 quilos de santiaguiño, con prezos medios que oscilaron entre os 6,86 euros rexistrados en Muxía e os 101,86 de San Cibrao, onde se acadou a cotización máis alta por un quilo de Santiaguiños: 124 euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *