O mel máis galardoado de Galicia

© Colineta, 27-11-2008.– En decembro de 2006, despois da Cata dos Meles de Galicia, publicaba en El Progreso o artigo que segue e no que daba conta dunha realidade indiscutible: o mellor mel de Galicia é do Valadouro. Dicía entón:

“O mellor mel de Galicia ten nome lucense: O Trobo, mel producido no Valadouro por Marifé Sixto Pernas, coa inestimable axuda de seu pai, Xavier, cunha longa experiencia no mundo das abellas e os seus produtos, xa que procede dunha familia de fabricantes de candeas, cando estas se fabricaban con pura cera de abellas: os aquilinos.

Cada vez que paso polos Currás, entre os barrios de A Lavandeira e A Ponte, de Ferreira do Valadouro, procuro facelo por diante da casa, pechada, onde se fabricaban as candeas cando eu era neno, por ver se aínda perdura o delicioso aroma a cera e mel que lembro da miña infancia. Hai días que o subconsciente me agasalla cunha vívida lembranza daquel aroma.

Pero dicía que o mellor mel de Galicia é o do Valadouro e agora véxome obrigado a xustificar esta aseveración.

Verán, en 2002 a Xunta de Galicia instituíu a Cata dos Meles de Galicia, na que calquera mel galego, acollido á indicación xeográfica protexida Mel de Galicia, se pode someter á cata cega de especialistas neste labor e neste produto. Van, pois, cinco edicións das Catas do Mel de Galicia, que a correspondente a 2006 tivo xa lugar no pasado mes de novembro.

So unha marca galega de mel obtivo galardón en tódalas edicións ás que se presentou, e esa é a mel O Trobo, da que estamos a falar. O Trobo non concorreu á primeira edición da Cata, pero nas catro seguintes obtivo dúas medallas de bronce, unha de ouro e outra de prata, por esa orde. Séguenlle Mieles JS, con tres medallas (ouro, prata e bronce), o Enredo do Abelleiro con dúas medallas (prata e ouro) e Mel do Saldoiro, con dous bronces. Outras cinco marcas acadaron unha medalla nalgunha das catas celebradas. Trátase de Mieles Outeda, Meles da Anta, Mel da Montaña, O Garabulleiro e O Testeiro.

A mel O Trobo procede dunha explotación familiar dotada de tódolos medios técnicos precisos para a extracción, conservación e envasado do mel en óptimas condicións, sen o emprego de aditivos nin produtos químicos de ningún tipo. O mel envásase tal como sae das colmeas.

Agora alguén co fundamento científico que sexa preciso para o caso, debería explicar a causa de que nunha comarca natural tan pequena como  O Valadouro se dean as condicións para a produción dun mel de altísima calidade. É de supoñer que clima e flora teñen unha incidencia determinante neste feito, ao que tampouco será allea a longa tradición melífera da zona, hoxe en decadencia malia os éxitos acadados por O Trobo.

No seu tempo percorreu as terras do Valadouro Benigno Ledo, “O cura das abellas”, que deixou unha pegada que se prolonga no tempo con grandes éxitos. É momento agora de inverter a tendencia decadente da apicultura valeca para facer do mel un produto para o progreso dunha comarca cunha economía en regresión. Pero ¿fan algo as administracións locais por potenciar o mellor mel de Galicia?. Teremos resposta o día que Tip e Coll falen do goberno.”

Hoxe unha nova medalla de ouro para O Trobo reafírmame no escrito daquela

One thought on “O mel máis galardoado de Galicia

  • 14 de Decembro de 2008 at 12:27 12Sun, 14 Dec 2008 12:27:39 +000039.
    Permalink

    deseo comprar miel de eucalipto

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *