Lampreas

© Colineta, 27-11-2008.- Está por escribir a mitoloxía da cociña galega na que, como en toda mitoloxía, deberían mesturarse chiscos de realidade con moreas de imaxinación saída da cabeza de quen poña en marcha tan fastuoso proxecto.

De cando en vez eu fun poñendo os primeiros grans de area, coa aparición hai preto dun ano do porco milpés (Sus miriápoda) e máis recentemente do polbo das fragas (Octopus fragensis) e apuntei, só apuntei, a existencia do congro en salsa verde (Conger verdescens), pero traballo por diante hai arreo.

Entre os animais míticos que comemos os galegos está o percebe, que Álvaro Cunqueiro comparou, cando están na pedra, cunha chea de viquingos cos seus cascos na cabeza. Vaia, paréceme lembrar que foi Cunqueiro, porque agora non atopo a cita por ningures. Outro dos grandes mitos do país é a lamprea. Cincocentos millóns de anos en Galicia e sempre volve da emigración, non porque alá lle fora mal senón porque bota de menos o río que a viu nacer.

Os galegos pagámoslle o amor á terra, igual tiña que dicir o amor á auga, coa maior mostra de amor que lle podemos profesar a algo comestible: coméndoa e incorporando as súas substancias ao noso propio corpo, fundíndonos, en definitiva, con ela.

Para incluír a lamprea entre os seres mítico-gastronómicos do país non é preciso darlle moito ao maxín. Non é preciso inventar unha lamprea xigante que chuchaba nos barcos fronte á Costa da Morte ata que os levaba a pique, por exemplo. Basta con coñecer a súa natureza para comprender que estamos ante un mito vivinte e que da lugar a creacións non menos míticas, como as pesqueiras do Miño, do Ulla ou do Tambre, que ben poden ser vestixios da época romana, polo menos as máis antigas.

Estou nestes momentos rematando de ler o libro de Miguel Piñeiro “Lampreas e pesqueiras“, publicado por Galaxia na súa colección Guías Galaxia, á que teño unha especial querenza porque foi un libro meu o primeiro da serie.

Piñeiro fala no seu libro sobre a lamprea, a súa historia entre nos, a maneira de pescala nos distintos ríos galegos e as moitas receitas para cociñala que foi recollendo por todo o país: nin máis nin menos que 14 receitas, cando todos pensamos que so se come á bordelesa.

Se non soupera que todo o que conta Piñeiro é certo, pensaría que estou lendo un libro de mitos. Creo que a próxima lamprea me vai saber mellor.

(A tempada da captura de lamprea comeza no río Ulla a primeiros de xaneiro. No Miño algo máis tarde)

One thought on “Lampreas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *