A excelencia é posible fora das denominacións de orixe

Queso gallego de cabra© Colineta, 26-11-2008.- Nin todo o que está amparado por unha denominación de orixe é marabilloso nin todo o marabilloso está baixo o seu paraugas. Váianse afacendo a esta idea.

As denominacións de orixe naceron nun principio para amparar unicamente viños, e naceron nunha época en que Europa, o seu berce, saía da época da posguerra, unha época na que antes que calidade había que producir cantidade para abastecer a toda a poboación.

Daquela A Mancha producía mares de viño dunha calidade máis que dubidosa e certamente moi afastada dos logros dos últimos tempos nesta árida zona. Na verde Galicia dominaba o viño revolto, que hoxe é patrimonio practicamente exclusivo de Cataluña, porque en Galicia xa practicamente non se ve máis que nalgunhas, que non todas, das contadas tabernas que quedan no país. Non sei se en Cataluña seguen aínda no revolto ou volveron a el buscando unha suposta orixinalidade do produto. Suposta, digo, porque aquel viño revolto era froito dunhas malas prácticas vitivinícolas.

O sistema de protección con denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas estendeuse finalmente a todo o mundo agroalimentario, ao mesmo tempo que fora delas comezaban a producirse alimentos de excelente calidade, ás veces auténticas marabillas, que por unhas razóns ou por outras non teñen acubillo das D.O. e I.X.P. Lembro, por exemplo, a sorpresa que levei cando Luís Paadín me descubriu o Cuvee Caco, un tinto producido na comarca do Ribeiro pero sen estar acollido á D.O. porque na súa composición entran variedades de uva que non recolle o seu regulamento. Non serei eu quen anime a volver atrás aos viticultores, que nun tempo encheron o país de cepas foráneas e esqueceron as nosas autóctonas, esquecendo ao mesmo tempo que Galicia ten nelas un tesouro que nos envexa o resto de España. Desta volta a historia xoga ao noso favor, e mentres centos de anos de presenza musulmá no resto de España acabaron con boa parte do seu pasado vitícola por mor da proscrición do consumo de viño e alcohol, a ausencia de musulmáns en Galicia preservou variedades tan salientables e coñecidas hoxe como a albariño, godello, treixadura, loureiro, caíño, espadeiro… Non serei que anime aos viticultores a desprezar de novo as nosas castes autóctonas para volcarse nas alleas que hoxe están de moda, pero grandes viños coma o citado non deixan de ser galegos por non estar amparados por unha das nosas cinco D.O. de viños.

A pasada semana tivemos outro exemplo. Un cociñeiro da talla de Martín Berasategui dicía que a galega é a mellor carne do mundo. E falaba desa carne de vaca que el leva décadas servindo no seu restaurante, que non está amparada por ningunha D.O. nin I.X.P. (agora baixo a marca de calidade Vac.1) e que maioritariamente procede de vacas da raza frisona. Non é o último que temos que rescatar en Galicia do esquecemento. Na provincia de Ourense as morenas do noroeste, e de maneira moi salientable a cachena, agardan o seu momento de gloria, porque carne producen dende sempre, e da mellor calidade.

Así que non poido menos que estrañarme de que no mundo dos queixos continuemos atados exclusivamente ás catro D.O. existentes no país (Arzúa-Ulloa, Tetilla, San Simón da Costa e Cebreiro), como se eses foran os únicos queixos de calidade que se producen no país. E volvo á miña primeira frase. Dentro das D.O. hai queixos excelsos e outros que rozan os límites pola parte de abaixo.

Aparte delas Galicia conta con producións de bos queixos de ovella e cabra, minoritarios tanto na súa produción como no coñecemento do público, incluso do galego, pero certamente salientables nalgún caso.

E temos esquecido por unha boa parte do país, e polas autoridades en primeiro lugar, un dos grandes queixos galegos, presente dende sempre entre nos, posiblemente a primeira forma de queixo que produciu e consumiu o home: o requeixo.

A pasada semana dous produtores galegos de requeixo (Campo Capela no norte, Condado-Paradanta no sur) estaban presentes en Salimat nun stand institucional: o das cooperativas galegas. Inda nunca os vin alí onde deben estar: no da consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, ao lado dos catro que contan con denominación de orixe, porque por calidade, tradición e galeguidade é onde merecen estar. Como merecían estar esta semana na Cata dos Queixos de Galicia, que organiza a mesma consellería de Medio Rural.

O ano en que os prestixiosos premios Cincho, que organiza a Junta de Castilla y León, permiten a participación de queixos estranxeiros, en Galicia inda seguimos deixando a un lado os nosos propios. Algo sobre o que deberían reflexionar os responsables de Medio Rural

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *