80 anos de gastronomía en Paradores

Comedor dos Reis© Colineta, 25-11-2008.- Para celebrar o seu 80 aniversario, Paradores oferta uns menús especiais elaborados a partir dos “entretenimientos” pequenas racións tradicionais dos restaurantes da rede. Ata o próximo mes de novembro de 2009 os restaurantes de Paradores ofrecerán doce menús compostos a partir dos pratos máis representativos de cada un dos máis de 90 establecementos existentes en España, e cun prezo realmente atractivo: a partir de 19,28 euros, bebidas aparte.

Para este mes de novembro que xa remata a oferta comeza por unha serie de entrantes fixos para tódolos menús: exqueixada, lombo de porco de orza, pan con tomate e xamón ibérico, escabeche de perdiz con berros, soldadito de pavía, caldo de pucheiro con albondiguiña e unlla de ibérico rechea de fungos.

Despois segue un prato principal a elixir polo cliente entre patacas revolconas con torreznos, callos isabelinos con garavanzos, guisadillo de cordeiro segureño, tiznao manchego, bienmesabe de cazón, duelos y quebrantos, picadillo charro con ovo de corral ou solombo de ibérico con queixo da Serena e cardillos. O prezo do menú depende do segundo prato que se elixa e do ano de inauguración do Parador ao que representa, de maneira que o menú con patacas revolconas que representan ao Parador de Gredos, inaugurado en 1928, custa 19,28 euros.

En Galicia existen 11 Paradores, dos que o máis coñecido é o Hostal dos Reis Católicos a cuxo Comedor dos Reis corresponde a foto. Comer aí por menos de 20 euros é todo un luxo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *