Xornadas gastronómicas da centola no Grove

© Colineta, 25-11-2008.- Hoxe hai centola galega no mercado. É a nova do día despois de que onte se abrira a temporada de capturas deste crustáceo excepcional, despois de varios meses de vedas. No porto do Grove, o máis importante de Galicia na captura de centolas, descargáronse máis de 3.000 quilos, que se remataron en primeira venda entre 6 e 15 euros entre o optimismo dos mariscadores, que agardan que de cara ao Nadal os prezos se manteñan ou se incrementen.

Como cada ano, despois da apertura da época de capturas O Grove celebra as súas Xornadas Gastronómicas da Centola, que non puido estar presente na Festa do Marisco que ten lugar en outubro por estar entón en época de veda. Esta ano as xornadas comezan coa apertura das capturas e rematará o 8 de decembro, contando coa participación de 23 restaurantes e oito hoteis.

A centola poderá degustarse en distintas preparacións nos restaurantes participantes e tamén haberá concurso de centola viva, cociña en vivo, visitas guiadas á lonxa e ao peirao entre outras actividades.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *