Na praza e na cociña con Iago Castrillón

© Colineta, 24-11-2008.- A primeira das accións de “Merco e cociño con…” incluídas no programa Santiago Repetirás pechouse cun gran éxito tanto pola satisfacción dos participantes como pola acollida que a mesma tivo entre os medios de comunicación.

Os quince participantes (dos que nove procedían de fora de Compostela) destacaron o espléndido traballo realizado polo cociñeiro Iago Castrillón tanto na praza de abastos como na cociña do Hostal dos Reis Católicos. Despois dun breve paseo dende a porta do Hostal ata a praza, a visita á mesma comezou cun saúdo dos seus responsables e a proba dos croissants dunha das panaderías existentes na mesma. Unha boa parte dos asistentes non coñecía a praza de Santiago, así que Iago explicou algúns aspectos gastronómicos da mesma mentres eu lles falei da súa historia e do feito de que sexa o segundo monumento más visitado da cidade, despois da Catedral. A compra consistiu en berberechos, salmonetes, chocos, castañas, grelos, patacas, leite cru, manteiga da Capela, pan, tomiño… aproveitando algúns dos asistentes para facer tamén a súa compra particular. Antes de volver ao Hostal os asistentes puideron coñecer o servizo a domicilio da praza e recibir uns libros de receitas de agasallo.

Unha vez na cociña, todo o mundo participou na preparación dos alimentos mercados. Mentres uns escamaban e desespiñaban os salmonetes, outros procedían a abrir os berberechos en auga fervendo, ou picaban cebola, porro, cenoria, pelaban patacas e castañas… houbo traballo para todos.

Os chocos preparáronse salteados, cortados coma espaguetes, e acompañados duns espléndidos berberechos. Os salmonetes foron á prancha, na compaña de grelos e puré de patacas e cun prebe preparado con verduras e as propias espiñas do peixe, prebe que foi moi salientado por tódolos presentes. Para rematar, unha adaptación das tradicionais castañas con leite. Todo foi degustado polos participantes en compaña dun albariño Moraima

La Voz de Galicia

A Revista (TVG): 3 videos

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *