Tapas e menús de outono en Compostela

© Colineta, 23-11-2008.-Vintedous restaurantes composteláns e vintetrés bares e taperías ofrecen as súas especialidades de outono no marco do programa Santiago Repetirás, que organiza Turismo de Santiago, organismo dependente do concello.

Ao longo dos meses de novembro e decembro a cociña de outono estará presente, con menús especiais, nos restaurantes A Curtidoría, Alameda, Angel, Barrigola, Caney, Casal do Cabildo, De Profundis, Descorche, Doña Ana, El Cayado, El Patio, Enxebre, Garum Bistró, La Bodeguilla de San Lázaro, La Bodeguilla de San Roque, La Codorniz, Madam Ragú, Mediterráneo, O Celme do Caracol, Restaurantes dos Reis, Toñi Vicente e Tránsito dos Gramáticos.

Cada restaurante ofrece o seu propio menú baseado na cociña de outono, coa habitual presenza de cogomelos, caza, castañas, a matanza ou as verduras e peixes de temporada, de maneira que poderán degustarse especialidades tales como boletus edulis e polbo prensado á grella, solombo de veado, guiso de cantarelas con castañas, raxo de corzo, rissoto de catro cogomelos, medallóns de pescada recheos de cogomelos, cachelo asado con zorza de matanza, capón guisado en bolsiña de verza, tiramisú con castañas e moitos outros.

Ao mesmo tempo, 23 bares ofrecerán tapas, tamén arredor da cociña do outono. Son A Colleita, Acio, Ángel, As Dúas, Bokados, Caney, Casal do Cabildo, Castelao, El Cayado, El Patio, Enxebre, Garum Bistró, La Barrika, La Marmita, La Viura, Obradorio, O Celme do Caracol, O Incio, Reno, Senra, Tránsito dos Gramátios, Vivacce e Yunque.

En forma de tapa poderemos degustar albondiguillas de xabaril e castañas con pan de boroa, follado de cogomelos con touciño, tosta de chicharróns  con San Simón, gominola de cocido, cogomelos en escabeche, nugget de perdiz con salsa de arandos, flan de boletos e castañas, xabaril guisado con compota de mazá, croquetas de boletos, caldo de castañas, mousse de castañas ou ragú de corzo, así como moitas outras especialidades.

Despois do Nadal o programa deixa a cociña de outono para ofrecer especialidades da cociña de inverno.

Paralelamente continúan desenvolvéndose ata o mes de marzo as sesións de “Merco e cociño con…”, (Beatriz Sotelo, Marcelo Tejedor, Pepe Solla e Pedro Roca), as Catas con maridaxe de produtos galegos, viños e cervexas, e os Talleres de cociña para nenos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *