Santiago vive esta semana a Cata dos Queixos e Mel de Galicia

Quesos gallegos© Colineta, 23-11-2008.-A VII Cata dos Meles de Galicia e a XI Cata dos Queixos de Galicia comeza en Santiago de Compostela o luns 24 de novembro e rematará o xoves 27 coa entrega dos galardóns nun acto presidido polo conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal.

A VII Cata dos Meles de Galicia organízase en colaboración co Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e coa participación dun total de 19 meles galegos a concurso, dos que seis son monoflorais e trece multiflorais. Os sete expertos que conforman o Panel de Cata realizarán un exame visual, olfactivo e gustativo das mostras, fixándose en aspectos como a intensidade do cheiro, o gusto, ou a homoxeneidade do produto. Os seis meles multiflorais mellor clasificados na fase de selección pasarán pola tarde á Cata Final da que sairán os 3 meles premiados.

[lang_glPola súa parte, a XI Cata dos Queixos de Galicia organízase co dobre obxectivo de promocionar e valorizar o sector transformador queixeiro, que compite cos seus produtos nun certame xa plenamente consolidado e único en Galicia polo número de mostras presentadas a concurso; e tamén de lembrarlles aos consumidores a calidade dos queixos producidos no noso país, baixo o amparo das catro Denominacións de Orixe Protexidas existentes.

No concurso establécense tres premios por cada denominación -Ouro, Prata e Bronce-, agás para o Cebreiro que contará cunha única distinción pola proporción das marcas presentadas. Así mesmo, os tres mellores meles multiflorais e o mellor mel monofloral tamén serán galardoados.

Medio cento de mostras a concurso

A XI Cata dos Queixos de Galicia, organizada en colaboración cos Consellos Reguladores das catro D.O.P. (Queixo Tetilla, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro), principiará o martes, día 25, pola tarde. As 49 mostras de queixo presentadas a concurso serán valoradas polo seu aspecto visual, pero tamén polo seu cheiro, textura, sabor ou regusto, por parte de 12 expertos catadores. Os seis queixos das denominacións Queixo Tetilla e Arzúa-Ulloa mellor puntuados pasarán á fase final, que terá lugar o mércores 26, xunto coa única fase de San Simón da Costa e Cebreiro.

Segundo datos proporcionados polo propio sector, o pasado ano producíronse en Galicia 5.357 toneladas de queixo amparado polas catro denominacións galegas de calidade; e 304 toneladas de mel, certificadas pola Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *