Volve o mítico espadeiro, o tinto das Rías Baixas

© Colineta, 20-11-2008.- “¡Ouh, espadeiro amante! ¡Ouh, roxo e quente
sangue do corazón da nosa terra!
¡Acende os corazóns dos apoucados!
¡prende lume nas almas, viño celta!”

Ramón Cabanillas, o poeta da raza, cantou así ao viño espadeiro nunha composición titulada “Diante dunha cunca de viño espadeiro” publicada en 1917. Despois del, Álvaro Cunqueiro falou mil veces, e sempre ben, deste vello viño galego, que leva décadas ausente do panorama vitivinícola.

Este anos uns poucos privilexiados poderán levar de novo o espadeiro ás súas mesas, grazas ao traballo da adega Forjas del Salnés, que saca ao mercado un número moi limitado de botellas deste monovarietal, que se destinarán integramente aos mercados de Xapón, Madrid e Barcelona. En Galicia so haberá unha oportunidade de adquirir o Goliardo espadeiro: será o 13 de decembro na subhasta de arte e viño que organiza o restaurante Pepe Vieira Camiño da Serpe, que esta mesma semana recibía a súa primeira estrela Michelín. Do bo traballo realizado cos tintos desta adega dan boa fe as puntuacións outorgadas por Robert Parker ao seu caíño: 93 puntos.

Un total de sete lotes (oito botellas por lote) deste viño sairán á venda na subhasta, cun prezo de saída de 115 euros, menos de 15 euros por botella. Así que no Pepe Vieira venderanse 56 botellas dun viño certamente exclusivo. Xapón, Madrid e Barcelona recibirán 15 caixas de viño en cada caso.

Na subhasta haberá moito máis viño, tanto galegos como andaluces, franceses, alemáns ou austríacos, con bodegas de referencia como Vega Sicilia ou Chateau D’Yquem. E haberá antigüidades, unhas relacionadas co mundo do viño e outras coa boa mesa, como son algunhas pezas antigas de Sargadelos. Finalmente non faltará pintura, con firmas como as de Francisco Llorens, Sucasas ou Abelenda.

Art & Wine Gallery, que así se denomina o evento organizado polos irmáns Cannas, é a primeira subhasta que se celebra en Galicia de viños de colección, arte e antigüidades. As pezas están expostas no propio restaurante ata o mesmo día da subhasta pero tamén poden verse na web de María Fechoría

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *