Santiago Repetirás comenzou coas salas abarrotadas

© Colineta, 18-11-2008.- A primeira fin de semana do programa Santiago Repetirás, organizado por Turismo de Santiago, comezou cun cheo total nas dúas accións previstas: cata con maridaxe de viños das Rías Baixas e conservas e talleres de cociña para nenos. Estes últimos tiveron que desdobrarse en dous dada a gran demanda, realizándose un taller pola mañá e outro pola tarde.

Pola súa parte, máis de 40 adultos asistiron a una sesión de cata e maridaxe, dirixida por María Sineiro en representación da denominación de orixe Rías Baixas e Francisco Bobadilla en representación de Cuca, a marca que achegou as conservas.

Os asistentes cataron tres viños das Rías Baixas: un monovarietal albariño, un viño da subzona do Rosal, na que a uva albariño vai acompañada doutras variedades como a loureiro, e finalmente un viño da anada 2002, conservado en tanque e non en madeira. En canto ás conservas, degustáronse berberechos ao natural, polbo en aceite de oliva e mexillóns en escabeche.

Santiago Repetirás volve o próximo sábado cunha sesión de compra e cociña con Iago Castrillón, do compostelán restaurante Acio, gañador do primeiro concurso de tapas Santiago(é)tapas.

Tenedor de oro

Doutra banda, na tardiña do luns entregáronse en Compostela os premios Tenedor de Oro e o Alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, recibiu a Orde de Honra da asociación Tenedor de Oro pola contribución do concello ao mundo da gastronomía e o turismo.

Despois da entrega falei un bo tempo con Beatriz Sotelo (restaurante A Estación, Cambre) e Rubén Lois (director xeral de Turismo da Xunta de Galicia). Como non podía ser menos nunha semana como esta, as estrelas Michelín centraron unha boa parte da conversa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *