Vac.1 carne carne

© Colineta, 17-11-2008.- Os cociñeiros Flavio Morganti e Martín Berasategui serán os encargados de presentar a nova marca de calidade da carne de vacún de ceba tradicional Vac.1 carne carne, desenvolvida pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia en colaboración con Asogacarne (Asociación Gallega de la Carne) e o CTC (Centro Tecnolóxico da Carne).

Colineta, que xa avanzou a semana pasada a nova, estará presente en Silleda para asistir ao nacemento desta nova marca de calidade e ofrecer unha información máis detallada sobre os requisitos que deberán cumprir os produtos amparados pola mesma.

Vac.1 nace co obxectivo de engadir valor a unha parte da produción de carne galega de vacún, de gran calidade pero ata o de agora sen un marchamo que  garanta as súas característica en canto a alimentación dos animais, manexo, sacrificio, etc.

Galicia conta xa coa indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, que ampara a carne de animais das razas autóctonas de Galicia (Rubia Galega e Morenas do Noroeste) e os seus cruces, tanto entre razas galegas como con Frisona e Pardo Alpina.

Polo tanto, Vac.1 nace fundamentalmente para dar acubillo á carne de animais da raza Frisona, cunha gran presenza nas explotacións leiteiras do país, e que coas condicións necesarias producen carne de primeirísima calidade

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *