Caldo de cabaza

© Colineta, 12-11-2008.- Comentaba o pasado día 1 o uso que os nosos devanceiros deron á cabaza nun caldo sinxelo, vexetal, pero certamente delicioso. A receita xa a din nunha ocasión pasada, pero como esta mesma semana preparei un deses caldos antigos, volvo a poñela na compaña das súas fotos.

Hai tres anos escribía:

“A receita é ben sinxela. Póñense a cocer en auga fría dous puñados de fabas previamente remolladas dende o día anterior. Cando van case cocidas, engádese a cabaza cortada en dados do tamaño dunha noz pequena, e patacas preparadas do mesmo xeito.

Mentres vai cocendo todo xunto, ponse aceite nunha tixola e rústrese na mesma unha cebola picadiña. Cando xa está ben feita, pero sen chegar a dourarse, retírase o rustrido do lume e agregase pemento doce ou picante, ao gusto de cadaquén, inda que un chisco de picante sempre lle vai ben. Reméxese ben o pemento e vertese o rustrido derriba do caldo, momento que aproveitamos para engadir o sal preciso. Unha vez que as patacas e as fabas estean cocidas (a cabaza practicamente estará desfeita) retirase do lume e sérvese ben quente.”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *