Día de castañas

Vendedora de quesos© Colineta, 11-11-2008.- O 11 de novembro hai que escribir sobre castañas. San Martiño é época de matanzas e magostos, especialmente na provincia de Ourense, onde a tradición se conserva cunha gran forza.

Hai un ano menos un mes escribía sobre dúas receitas da campaña Santiago Repetirás (ollo, este ano comeza o próximo sábado) unha das cales tiña como protagonistas as castañas, que sempre se comeron, e moito, na Galicia campesiña, inda que a cousa non chegara aos niveis que os mitómanos nos queren facer crer cando aseguran que ata a chegada das patacas a Galicia as castañas eran a base da alimentación dos nosos antepasados. Deso tamén teño escrito, para desmitificalo, por moito que teña que recoñecer que é un mito ben bonito.

Antes as castañas comíanse cocidas, que era como se consideraban un alimento cabal. Asadas tiñan a consideración de lambetada, de argallada para cando non había máis que facer… menos no día do magosto, claro está, en que se convertían na estrela. E cocidas comíanse en caldo, caldo de castañas, que non é nin se parece ao caldo galego de grelos (ou de calquera outra verdura), inda que o mito…

– Pois dalle cos mitos rapaz, non podes deixarte de mitoloxías e centrarte no que nos ocupa.

– Que quere que eu lle faiga, Petuisis, se ata a algúns sabios se lles enche a boca cando falan de castañas

Pois dicía, antes de que me interrompera o amigo Filomeno, que as castañas se comeron no caldo, ou acompañadas de leite e azucre, que foron cea común nas vilas e aldeas ata non hai moito tempo, ou na compaña de arenques.

Hoxe as cousas cambiaron e pódense ver na gornición dalgúns pratos, especialmente agora que estamos en temporada de caza. E están en marróns glaces, dos que Galicia é gran produtora, en cremas, marmeladas, bombóns,  xeados, con vino, tortas do Caurel, en viños e ata en augardentes que so se poden mercar en Xapón, xa que as catro ou cinco mil botellas que Xosé Posada produce cada ano do Kouri Sochu so están presentes no mercado nipón.

O 11 de novembro é tamén día da feira cabalar do San Martiño, en Teo, preto de Compostela. Vou achegarme ata alí e, se dou con elas, comer unhas castañas

2 thoughts on “Día de castañas

  • 11 de Novembro de 2008 at 22:25 10Tue, 11 Nov 2008 22:25:19 +000019.
    Permalink

    Pues estoy trasteando con unas recetas de castañas, lo que no sabía era que hoy es un día especial para eso 🙂

    Un saludo.

    Reply
  • 12 de Novembro de 2008 at 13:52 01Wed, 12 Nov 2008 13:52:15 +000015.
    Permalink

    Pois na miña familia, o día das castañas é o 1 de novembro. Como sobremesa, e de prato principal, coello de monte.

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *