Castañas, castañazos e Michelín

© Colineta, 10-11-2008.- Tradicionalmente novembro é, en Galicia, tempo de magostos e matanzas, que co San Martiño chegaban masivamente. Agora é tamén o mes das estrelas Michelín, xa que é en novembro cando sae á rúa a nova edición da guía que todos coñecemos e case ninguén usa, polo menos a nivel popular. Recoñezamos dunha vez que nesto da gastronomía aínda queda un longo percorrido ata conseguir achegar os gustos populares e os mediáticos. Saian polas vilas galegas, falen coa xente, miren que comen, onde e como e vexan que a alta cociña é aínda couto dunha minoría.

Como minoritaria é a famosa guía amarela, que tantas dores de cabeza causa cada outono aos que están nela pero lles gustaría ver incrementado o número de estrelas, aos que temen perdelas, aos que temen non gañar a primeira inda que o desexan con todas as súas forzas… e aos que agardamos saber que vai pasar, que tamén eu estou escribindo sobre o asunto.

Din que a guía está xa na imprenta e, polo tanto, todo o peixe vendido, pero a información non transcenderá ata a noite de presentación da nova edición. As quinielas, pola contra, están moi presentes en internet, tanto en artigos coma en comentarios. E Galicia está nesas quinielas.

Eu non vou entrar en predicións, que onte se me fundiu a fonte de alimentación da bola de cristal, pero resumo de seguido o que máis se le nos blogs e escoita en conversas privadas: din que o máis firme candidato a gañar a súa primeira estrela é Pepe Vieira Camiño da Serpe. Nunha segunda escala de posibilidades estarían A Estación e Galileo. Repítense tamén con frecuencia as apostas, e moitas veces os desexos, de que chegue a Galicia o primeiro bi-estrelado. Casa Marcelo sería, segundo uns e outros, o que máis posibilidades tería de levar esa segunda estrela e o que máis a merece.

Insisto en que todo o dito se pode ler en blogs galegos e foráneos e que non se trata da miña predición nin do meu desexo. Eu desexo para Galicia un cento de estrelas máis. Queda menos para ver cantas castañas e castañazos se reparten

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *