Menús de San Froilán en Lugo

Foto: 1951-52 Fondo Vega, Arquivo Histórico Provincial de Lugo.
Incluída en “250 anos das feiras do San Froilán”

© Colineta, 8-11-2008.- Coa chegada de novembro marcharon de Lugo as pulpeiras que poñen pota nas festas de San Froilán e despois seguen cocendo e vendendo polbo durante o resto do mes. O costume de prolongar durante todo o mes a temporada do polbo fai de Lugo, e do San Froilán, a verdadeira capital galega do polbo á feira, inda que parte das pulpeiras que alí ofician sexan do Carballiño, como é o caso de Aurora, á que non puiden visitar na alameda luguesa inda que me chamou para convidarme a unha tapa.

Como xurado do cuarto concurso de tapas de Lugo recibín de agasallo algúns libros editados polo Concello con temáticas diversas, pero sempre arredor da cidade. Un deles, “250 anos das Feiras do San Froilán” recolle historias, datos e anécdotas do que foi e segue a ser o San Froilán, unha festa que naceu en realidade como feira de gando hai xa 254 anos. O 20 de marzo de 1754 o rei Fernando VI, por Real Provisión, concedía a Lugo a facultade de celebrar unha feira anual de oito días de duración a comezos do mes de outubro. Queda claro, pois, a orixe da devoción que Lugo profesa polo polbo á feira no mes de outubro.

Pero neste libro, con textos de Alexandra Cabana, Pilar Rodríguez e Mercedes Vázquez atopei outros datos de interese gastronómico. Non, non agarden como eu agardaba, atopar información sobre a primeira vez en que as pulpeiras prenderon o lume no San Froilán. Ese dato non está.

Pero si se fala da tradición de servir anguías nas feiras de San Froilán, anguías que se pescaban nos caneiros do río Miño e se comían frescas ou curadas. Segundo datos recollidos por Anxel Fole ou Adolfo de Abel Vilela, as feiras e festas de outubro eran o tempo de máis consumo de anguías en Lugo. As autoras do libro afirman que segundo Fole e Vilela, o polbo chegou a Lugo cando as anguías comezaron a escasear.

Pero resulta evidente que non todo é polbo en Lugo durante outubro. Nin agora nin antes.

Os tempos cambian e tamén as realidades, así que ao longo de outubro autoridades locais, provinciais e autonómicas non deixan pasar a oportunidade de achegarse ás casetas do San Froilán e gozar dun menú que sempre comeza por polbo, acostuma a seguir con carne ao caldeiro, e remata co doce xa case oficial da festas: as tellas de améndoa. Un menú certamente campesiño e popular, se exceptuamos esas tellas de recente incorporación.

Se hoxe é impensable non ver aos políticos no San Froilán, noutro tempo era impensable ver ás autoridades e xente fina da cidade mesturada coa plebe e comendo cun palillo do prato comunal. Os poderosos de Lugo organizaban as súas propias festas e bailes en lugares exclusivos coma o Casino, e debemos supoñer que cando saían a comer polas festas asistirán aos mellores restaurantes e hoteis da cidade.

En 1916 a prensa local recolle anuncios dos menús nos hoteis Méndez Núñez e Vera.

O primeiro ofrece “Arroz con pollo, a la valenciana. Ternera con tomate. Pasteles rellenos a la bechamela. Gallina trufada. Vino de Peares. Postres variados”. Para o almorzo (na provincia de Lugo a comida do mediodía), o prezo é de 3 pesetas.

No hotel Vera o prezo do almorzo sube ata 5 pesetas e o menú componse de “Entremeses. Paella. Langosta en salpicón. Perdices. Quesos, fruta, dulces, Botella vino Rivero (sic) corriente”. Para a comida, e polo mesmo prezo de 5 pesetas, ofrecen “Entremeses. Ragout. Jamón con guisantes. Pollo con ensalada. Postres. Una botella de Rivero (sic) corriente“.

Finalmente o Hotel Universal non específica o menú. Limítase a anunciar que cinco pratos, sobremesa e viño custarán 4 pesetas ao mediodía. A cea será de catro pratos a un prezo de 3,50 pesetas.

3 thoughts on “Menús de San Froilán en Lugo

  • 09 de Novembro de 2008 at 02:00 02Sun, 09 Nov 2008 02:00:05 +000005.
    Permalink

    Muy buen post Colineta, muy bueno.

    Yo de Lugo tengo unos maravillosos recuerdos de mis tiempos mozos …

    Reply
  • 09 de Novembro de 2008 at 12:41 12Sun, 09 Nov 2008 12:41:43 +000043.
    Permalink

    Como o San Froilan soe caer polo meu cumpreanos non acudo moito pero dunha vez que estiven si recordo os tenderetes e o cheiro constante a pulpo cocido e pementon… fantástico

    Me encanta esto dos menús para “millonarios” e tamen outro dato que me encanta recordar e o que explica en parte ese afluir do pulpo cara o interior dende a costa e a curiosidade de que se faga mellor o pulpo no interior que na costa. Din os mais vellos que mentres aquí, a base de marisco e o pouco peixe que non se daba vendido, unha familia de mariñeiro pasaba fame, no interior a base de verduras e patacas e ovos, por exemplo, o aporte calórico era moito maior… Por esta razón, supostamente, se abría un intercambio de producto que levaba cousas como pulpo e necoras a casa da miña abaoa na montaña e verduras e patacas as casas mariñeiras que se aviñan o intercambio…

    Reply
  • 09 de Novembro de 2008 at 13:17 01Sun, 09 Nov 2008 13:17:36 +000036.
    Permalink

    Louzán: o cura de Ferreira do Valadouro, xa falecido, era orixinario de Trabada, preto de Ribadeo. Contaba que durante a guerra era cura na zona de Cedeira, e cando ía visitar os país os de Cedeira dábanlle un saco de centolas para levar, e regresaba cun touciño ou algo semellante, agasallo dos país campesiños.

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *