Peixes azuis con Solla, Cannas e Centeno no SalonDO

Despois de participar onte á tarde nunha mesa redonda sobre o presente e futuro da cociña galega xunto con outros xornalistas, cociñeiros e bloggers galegos, que poden seguir case ao pe da letra en Vigogastronómico, hoxe volvín a Vigo para visitar a feira repousadamente e, de súpeto, vinme metido no show cooking que protagonizaban Pepe Solla, Xosé Cannas e Rafa Centeno.

Cheguei no mesmo momento en que os cociñeiros ían comezar a o se traballo e non tiven tempo de mirar as caras do público, que seguramente quedou sorprendido de ver a Solla e Cannas, a un tempo, reclamar a miña presenza entre eles. “Quen demo será ese Miguel Vila” imaxino que pensaron a meirande parte dos asistentes. Acabei cun micrófono na man axudando aos cociñeiros a conducir o acto e, como compensación, sendo o primeiro en probar todo o que ían preparando. Grazas aos tres polo seu interese.

Creo que os cociñeiros conseguiron sorprendernos a todos coas elaboracións que realizaron en directo e que parte do público puido probar. Xarda, sardiñas e vieira foron as protagonistas, xunto coas antigas técnicas do mariñado e escabechado, postas ao día polos cociñeiros protagonistas. Case poderíamos dicir que foi máis un taller de preparación de alimentos que de cociña, xa que coa única excepción dunha vieira con touciño preparada por Rafa Centeno, no resto dos pratos o emprego do lume foi absolutamente residual, limitándose a quentar lixeiramente os peixes.

Pepe Solla preparou un xurelo lañado (limpo e posto en sal durante un tempo) que acompañou cunhas tiriñas de xudías verdes e un bloody mary pasado polo sifón, unhas sardiñas mariñadas con aceite e salsa de soia xaponesa e acompañadas de praliné de froitos secos (améndoas torradas e trituradas con algo de auga e sal) e unha vieira mariñada cunha mestura de aceites de oliva e sésamo e acompañada por unha impresionante mostaza de pepita de uva.

Xosé Cannas comezou elaborando un tartar de xurel (xurel picado, cebola, olivas, pepinillos) con aceite de sésamo e salsa de soia, que serviu derriba dunhas láminas de pan, continuou cunhas sardiñas nun escabeche de froitas de óso (pexego, mango…) e rematou cunha vieira lañada e acompañada de zume de mazá.

Pola súa parte, Rafa Centeno comezou cun escabeche morno de xurel con verduras e amorodos, para seguir cunhas sardiñas mariñadas con cítricos e tomates asados e rematou cunha vieira lixeiramente feita á prancha, acompañada cunha crema de cabaza e touciño confitado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *