Once días de carne

De Colineta

Os españois consomen carne unha media de 11 días ao mes, mentres que friames, embutidos e/ou xamón curado fano unha media de 10,8 días ao mes, tal como se desprende dun estudo realizado polo Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, a través do Observatorio do Consumo e a Distribución Alimentaria, do mes de setembro.

Carnes

O estudo sinala que un 25,4% dos enquisados manifesta consumir carne case todos os días e un 64,5% dúas ou tres veces por semana. No extremo oposto, un 0,4% consómea moi esporadicamente. Por idade, os consumidores entre 36 e 45 anos son os que con máis frecuencia a toman e os maiores de 65 os que menos. Os compradores valoran principalmente o prezo e a calidade, seguido do aspecto do produto, as propiedades nutricionais e a procedencia. A marca soamente é tida en conta polo 15,6% dos compradores.

En canto ao establecemento onde comprar carne, os principais factores que determinan a elección do consumidor son a confianza no vendedor, a calidade dos produtos e os bos prezos, por esta orde.

Un 83,9% dos compradores prefiren comprar a carne ao corte en venda asistida en mostrador e afirman comprala habitualmente desta forma. Con todo, hai compradores que se decantan por comprar a carne en barquetas, principalmente porque aforran tempo.

Sobre a etiquetaxe o estudo sinala que os que máis valoran este aspecto son os compradores máis novos, menores de 45 anos, e aquelas persoas que compran habitualmente a carne embarquetada. Outro aspecto é que unha vez adquirido o produto, a maioría dos compradores acostuma consumir unha parte no mesmo día e conxelar o resto da compra.

Tamén o estudo indica que a confianza nos pratos preparados a base de carne e envasados pola industria e nos alimentos cárnicos preparados na carnicería é aínda baixa, especialmente entre as mulleres e as persoas de máis de 45 anos.

Friames e embutidos

A confianza no vendedor, calidade dos produtos e bos prezos son, por esta orde, os principais factores que determinan a elección do establecemento para comprar friame, embutidos e xamón curado.

A maioría dos consumidores, o 70,7% prefiren comprar os friames, embutidos e xamón curado ao corte porque transmiten maior confianza e mellor calidade e este formato permite adquirir a cantidade exacta de produto que se necesita. En canto ao tipo de corte, os españois prefiren que o xamón córtese a coitelo e os friames e embutidos a máquina.

Unha vez adquiridos os friames, embutidos e/ou xamón curado, a maioría acostuma consumilos nos 2/3 días seguintes á realización da compra. Na elección final do produto interveñen, principalmente, o prezo e a calidade. Solicítase asesoramento do charcuteiro cando se adquiren pezas enteiras ou cando aparece un produto novo no mercado.

Así mesmo, no estudo maniféstase que un 32,3% dos enquisados consome estes produtos case todos os días e un 44,8% dous ou tres veces por semana. No extremo oposto, un 1,4% consómeos moi esporadicamente. Por sexo, os homes consomen algo máis que as mulleres e por idade, a medida que diminúe esta aumenta o consumo.

A etiquetaxe dos friames, embutidos e/ou xamón curado considérase importante. Esta valoración é maior entre as mulleres que entre os homes. A principal información que se consulta nos embarquetados é a data de caducidade, graxas, calorías e peso.

Os prezos destes produtos considéranse algo caros, nunha escala de 0 (moi caros) a 10 (moi baratos) outórganselle puntuacións de 4,5 (friames), 4,2 (embutidos) e 3,4 (xamón curado).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *