Medio Rural potenciará a carne de poldro

Égoas no OleirónA Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia anuncia unha iniciativa de valorización da carne dos cabalos criados nos montes galegos, en colaboración don dúas entidades do país: Sociedade Civil Sabucedo Puxa e a Sociedade Cooperativa Galega Monte Cabalar. Por parte oficial participará Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo

Foto: Égoas criadas en libertade no Oleirón

Incrementar o valor engadido da carne de poldro de produción ecolóxica en áreas de montaña, co fin de incrementar as rendas dos gandeiros, ao mesmo tempo que se traballa na prevención de incendios e na valorización do monte, son os principais obxectivos deste proxecto segundo indica a nota de Medio Rural, que insiste non só na calidade da carne obtida das bestas bravas, senón do traballo de limpeza de montes, e polo tanto de prevención de incendios, que fan estes animais, presentes en moitos dos montes galegos e que converten á nosa na comunidade autónoma con maior censo cabalar de España.

En Galicia levamos décadas, séculos, facendo o parvo con estes animais, que dun tempo a esta parte teñen máis compoñente festivo, a través das raspas das bestas, que económico. As bestas tiveron a súa época de esplendor nun tempo en que as súas crinas eras apreciadas pola industria de brochas e cepillos, que pagaba bos prezos. E os tratantes tamén pagaban ben os poldros, xa que as femias volvían ao monte para ampliar a cabana gandeira.

Agora as crinas non valen nada e xa non se recollen, inda que se rapen as bestas por hixiene e facilidade de manexo. Sobre o valor dos animais para carne sirva como exemplo o acontecido na Estrada en marzo de 2005.

Así que os gandeiros galegos venden os seus poldros por catro pesos, cando non acaban alimentado os cans coa súa carne: “sáeme máis barato que mercarlles penso”, díxome unha vez un propietario de bestas bravas do Valadouro.

Mentres isto sucede, os consumidores permanecemos alleos por completo a unha auténtica marabilla que se cría nos nosos montes. Carne de poldros que nacen no monte e se alimentan exclusivamente do leite de súas nais e da herba e arbustos que pacen, que os cabalos son capaces ata de comer os brotes tenros dos toxos.

Os gandeiros que crían estes animais para consumo propio saben que a carne mellora se un tempo antes do sacrificio, poñamos tres ou catro semanas, se meten no cortello e se lles subministran cereais ademáis da herba: a carne colle a graxa que non ten cando do monte van directamente ao matadoiro.

A carne destes poldros, asada en tarteira segundo a receita galega de sempre (adóbase a carne con sal e allo e dourase na tarteira con aceite, engádese cebola picada e dourase tamén, un pouco de perexil, un chorro de viño branco, e lume lento) ten un claro recendo de monte, lembra a carne de caza, pero cun sabor e un aroma máis delicado, menos potente, que o dos animais de caza. O poldro non foi cazado a tiros, pero viviu toda a súa vida tan libre como unha lebre.

A cecina de cabalo, que fan maxistralmente nos montes de Palencia con cabalos galegos, ou os chourizos feitos con carne de poldro mesturada con porco, son outros produtos de enorme calidade, que a meirande parte dos galegos nunca probou.

Eu non paro de recomendar a carne de cabalo e os seus derivados, especialmente cando se trata de poldros criados no monte. Por iso non podo máis que aplaudir esta iniciativa e desexarlle éxito.

2 thoughts on “Medio Rural potenciará a carne de poldro

  • 25 de Xuño de 2009 at 22:35 10Thu, 25 Jun 2009 22:35:29 +000029.
    Permalink

    estoy a fabor de protejer los caballos yo soy de asturias y la mayoria de la gente quieren que en los montes no haya caballos y ami me gustaria comprar yeguas gallegas por su supervivencia en los montes si hay alguien que me venda COMPRARIA se que valen poco dinero pero me encantan gracias un saludo javi

    Reply
  • Pingback:La carne de potro « Nueva Salud

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *