D.O.P. Queixo do Cebreiro

Definitivamente, o queixo do Cebreiro está amparado por unha Denominación de Orixe Protexida, por moito que os xornais galegos aseguren que a Comisión Europea a recoñece como Indicación Xeográfica Protexida. Probablemente todo o lío veña dun erro do correspondente de Europa Press en Bruxelas, que aquí se foi reproducindo e ampliando.

Foto: www.cebreiro.es

A Denominación de Orixe Queixo do Cebreiro foi aprobada pola Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e tramitada ante a Comisión Europea para a súa inscrición no rexistro comunitario de Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas. Á Comisión correspóndelle a tramitación de dita inscrición, coa exposición pública do regulamento achegado polas administracións autonómica e estatal, a recepción e resolución de alegacións se as houbera e, finalmente e se todo se resolve de maneira positiva, a inscrición no rexistro.

Así que onde poña, referido ao queixo do Cebreiro, “indicación xeográfica protexida” debe lerse “denominación de orixe protexida”.

A diferenza

A diferenza entre a figura da “denominación de orixe” e a da “indicación xeográfica” é bastante sutil e non sempre fácil de entender. Tentarei explicalo.

Nos dous casos existe un vínculo entre o territorio e o produto. Pero a intensidade e o tipo de vínculo é diferente.

As denominacións de orixe amparan produtos que so son posibles nun territorio determinado. O vínculo é fortísimo e case poderíamos dicir que o territorio é unha parte fundamental do produto, case un ingrediente do mesmo.

Por ese motivo os viños sempre reciben o amparo dunha denominación de orixe. As mesma variedade de uva tempranillo, inda que con nomes diferentes, fai viños distintos na Mancha, na Ribera de Duero ou na Rioxa. O territorio de cada unha desas denominación de orixe marca a diferencia ou polo menos é un dos factores de que os viños sexan distintos inda que se empregue a mesma variedade de uva. Nun espazo xeográfico máis reducido, como é Galicia, sucede o mesmo. A distancia entre Ribeira Sacra e Valdeorras é pequena, pero os tintos feitos con mencía son diferentes, como o son os do Bierzo, que está pegado a Valdeorras.

No caso das indicacións xeográficas protexidas o vínculo entre o territorio e o produto ten que existir, pero é máis flexible. Basta que as empresas dun determinado territorio lle deran fama a un produto determinado para que se poida conseguir unha IXP para o mesmo, sempre, claro está, que se cumpran outra serie de factores cualitativos e de presenza tradicional dese produto na zona.

Un exemplo claro é a da futura IXP Tarta de Santiago, elaborada con améndoas e azucre, ambos procedentes de fora de Galicia. A Tarta de Santiago podería facerse en Murcia o mesmo que en Galicia, pero alí non teñen presenza histórica mentres en Galicia está documentada hai séculos. A Tarta de Santiago ten un vínculo claro co territorio galego e por iso a futura IXP so comprende o territorio de Galicia.

Na actualidade Galicia conta coas seguintes Denominacións de Orixe:

Viños: Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Monterrei.

Queixos: Cebreiro, San Simón da Costa, Arzúa-Ulloa e Tetilla.

Ademais Mexillón de Galicia (a primeira D.O.P de produtos do mar existente en Europa),

As Indicacións Xeográficas Protexidas corresponden ao Lacón Galego, Tenreira Galega, Pan de Cea, Mel de Galicia, Pataca de Galicia.

De forma provisional está recoñecida a denominación de orixe Faba de Lourenzá

Tamén existen os consellos reguladores das Denominacións Xeográficas das Augardentes e Licores de Galicia e da Agricultura Ecolóxica e en tramitación están as figuras de protección do Pemento de Herbón, Castaña de Galicia, Grelos de Galicia, Pemento de Arnoia, Pemento do Couto, Pemento de Oimbra, Tarta de Santiago. Tamén hai os Viños da Terra de Barbanza-Iria, de Betanzos e do Val do Miño-Ourense. E por algunhas cabezas andan os chourizos, o xamón, o cordeiro…

La Voz de Galicia

El Correo Gallego

El Progreso- Galiciae – AGN – Galicia Gastronómica

Hggt

Actualización (18-10-2008, 10:56 horas): Diario Oficial da Unión Europea (17-10-2008)

2 thoughts on “D.O.P. Queixo do Cebreiro

  • 19 de Outubro de 2008 at 22:13 10Sun, 19 Oct 2008 22:13:46 +000046.
    Permalink

    nada máis por completar a información, están en fase (avanzada) de tramitación as IXP do Botelo e a da Androlla

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *