Carnes picadas

De Colineta

Albóndegas, hamburguesas, filetes rusos, boloñesa, shish kebab, mousaka, canelóns, lasaña, picadillo… son moitos os pratos que elaboramos nas nosas casas partindo da carne picada, un produto que os consumidores non sempre coidamos todo o que deberíamos.

O primeiro que debemos pensar é que a carne picada ten unha superficie exposta ao ar, e á contaminación por todo tipo de xermes, inmensamente maior que a mesma cantidade de carne nunha soa peza, ou cortada en bistés. Canto máis troceada ou máis picada, maior será a superficie exposta.

Así que cando vou mercar carne picada procuro sempre facelo a primeira hora da mañá e sempre pido que me piquen a carne que eu elixo no canto de mercar a que xa teñen picada.

Primeiro porque desta maneira sei o que levo para a casa. A súa frescura e a presenza ou non de graxa. Na xa picada so me queda fiarme do que diga o carniceiro.

Segundo polo xa dito da exposición a todo tipo de contaminación.

Claro que a contaminación bacteriana que quero evitar coa carne xa picada podo levala igualmente por mor da máquina de picar, que está a temperatura ambiente cos restos do picado anterior. Por ese motivo é bo mercala nada máis abrir o establecemento, cando a picadora aínda está limpa.

Outra posibilidade de mercar carne picada está nos andeis de precortados de case tódolos supermercados, onde podemos atopar picada de vacún, de porco, mesturadas, hamburguesas xa preparadas de ambas carnes ou de polo…

– Conte xa o da etiqueta de deixese de maerar.

– Xa vai, non se me impaciente, Petisuis.

O que pretende este Pepiño Grilo meu é que lles recomende ler con calma a etiqueta destas “carnes” picadas de procedencia industrial xa embaladas. Atoparanse coa sorpresa de que na etiqueta non di “carne”, senón “preparado cárnico”. Seguindo unha máxima xa clásica podemos dicir que o “preparado cárnico” é á “carne” o mesmo que os “preparados lácteos” ao “leite” ou a “música militar” á “música”.

Estes “preparados cárnicos”, que levan na etiqueta o sobrenome de “burguer meat”, declaran entre o 75 e o 90 por cento de carne. O resto son cereais, proteínas lácteas ou de orixe vexetal, aditivos, etc. Supoño que nese 75-90% de carne inclúen a parte correspondente de graxa. Onte tiven nas miñas mans o folleto dun supermercado cunha oferta de carne picada: ¡so un 10% de graxa!, anunciaba.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *