Anguía na Última Cea

Foto tomada de wikimediaAnguía con rodas de laranxa é o menú que o xenio Leonardo da Vinci pintou no cadro dedicado á Última Cea, que dun tempo a esta parte está de moda, especialmente despois do éxito de certos libros de ¿pseudo historia?.

John Varriano, profesor de arte na Facultade de Mount Holyoke (Massachusetts) chegou á conclusión de que Leonardo pintou neste cadro un prato ao parecer típico do Renacemento, segundo leo no xornal, e que no telexornal consideran un dos preferidos do pintor.

Esa suposta preferencia pola anguía choca de fronte co que escribe sobre a mesma no Codex Romanof (Notas de Cociña de Leonardo da Vinci) atribuido ao pintor:

Medallóns de anguía. Pelade unha anguía, baleirade todas as súas entrañas e despois cortádea en anacos do tamaño de medio polgar e cociñade estes poñendo unha folla de loureiro entra cada un deles, no espetón: entón, debedes mantelos continuamente húmidos vertendo salmoira por derriba deles. E cando estean asados envolvede cada anaco nun pouco de polenta branca sazonada cun pouco de canela e poñédeos no forno ata que as codias se volvan de cor marrón. Este prato, de comelo, pode provocar a loucura”.

Da Vinci inclúe esta receita entre “os pratos que aborrezo (pero que, en troques, a boa de Battista insiste en servirme)”.

Outra receita das Notas de Cociña, que non sae mellor parada é a das “anguías cocidas”:

O segredo das boas anguías cocidas, segundo o meu amigo Francesco Bramante, é que so han de quitarse a súa peles exteriores e non os seus ósos, e despois non han de permanecer en auga fervendo durante máis de tres minutos. Certo, é imposible dixerir a carne debido a este corto período de cocción, pero de novo para elo ten Bramante un segredo: podedes entón cortar a anguía en porcións cada unha do grosor de medio polgar, empanalas en mel e chupar unha na boca durante máis de vinte minutos, e durante todo ese tempo paladearedes o magnífico sabor da anguía. Esta é tamén a razón pola que Bramante sempre está movendo a boca cando traballa; durante todo o día está chupando as súas anguías”.

Non atopo, nas Notas de Cociña, máis referencias ás anguías.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *