Acio: primavera no outono compostelán

Cochinillo con peras al albariño y ensalada aromáticaSoñei cun prado nun soleado día de primavera, no que as herbas e as flores enchían todo o ambiente dos seus recendos frescos, deliciosos. E como diría Monterroso, cando despertei o porquiño seguía alí…

De Iago Castrillón sabía ata onte poucas cousas: que é mariñao (bo comezo), de Lourenzá, cociñeiro, que nunca traballou en Casa Marcelo como moita xente cre, e que fai a sardiñas como dios, mérito que lle serviu para gañar o premio gordo do pasado concurso de tapas de Santiago de Compostela.

Hoxe sei tamén que é un cociñeiro capaz de emocionar e que pode chegar lonxe, inda que os comezos nunca sexan fáciles.

Ao pe da cristalera do Acio dende a que se divisan as hortas traseiras da rúa Hortas e as torres da catedral ao fondo, gocei dun menú que comezou cun aperitivo consistente nun pequeno canelón de polo acompañado cun prebe de mollar pan, inda que eu o aproveite coa culler.

Entramos en razóns coa sardiña de San Xoán, a tapa que lle valeu o premio do concurso de tapas, que Iago ten na carta a un prezo de 3,5 euros e que segue a ser unha aposta segura para quen lle gusten as sardiñas pouco feitas (vaia, que a do Acio está crúa) pero saborosísimas. Como moi acertadamente para os tempos que corren no restaurante ofrecen viños por copas eu optei por poñerme nas mans de Eva, que me serviu unha copa de Gaba do Xil, un godello de 2006 estupendo e moi pouco ácido.

Para o prato forte foi Iago quen me aconsellou e ao final quedamos en que me ía poñer un porquiño con peras ao albariño e ensalada aromática. “É un prato moi fresco, da carta de verán, porque as peras lle dan un toque moi refrescante. Eu recomendo sempre comer tódalas herbas, inda que a algúns lles parece raro”, indicou o cociñeiro.

E co porquiño chegou a primeira emoción, visual, ante un prato no que o repousado porco remataba na escarpada cordilleira de altos cumios formada polas peras. A cousa pasou a maiores cando lle metín o dente a unha carne tenra, gustosa e con pouca graxa. Pero a cancela da camposa abriuse cando probei as peras, inzadas por dous tipos de menta, hortelá, ceboliño, tomiño e ourego frescos, de maneira que cada anaco de pera era diferente do anterior, un aroma e un sabor primaveral que deixaba a boca purificada, limpa para o seguinte bocado de carne. E despois volta a comezar, outro pinchacarneiros na herba, outro recendo, outra raiola de sol nun día xa de por si soleado.

Delicioso e divertidísimo o prato (17 euros), que de novo aconsellado por Eva acompañei cunha copa de Cepas Viejas Dominio de Tares.

De entre as tres sobremesas da carta elixín o chocopasión (6 euros), que segundo Eva o propio Iago recomenda para despois do porquiño, por ser moi dixestivo. Eu, a verdade, recomendo esta sobremesa composta por un granizado de froita da paixón con cookies de pistacho e xenxibre para calquera momento. Acedo e doce a un tempo, con todo o sabor da froita e a sorpresa dos anacos de galleta triscando entre os dentes, cun efecto semellante ao dos peta zetas. Acompañeino cun groliño de moscatel. E un café para rematar. Dos viños e café non poido dar prezos xa que foron agasallo da casa. O resto sumou 27,50.

Pareceume unha comida moi divertida, ao tempo que deliciosa.

E despois un tempiño de charla con Iago e Eva, aproveitando que o resto de comensais marcharan xa, para falar de como vai a cousa (“non me queixo”, dixo Iago), de produtos galegos de toda a vida pouco coñecidos, das gañas do cociñeiro por comezar a traballar os cogomelos e a caza…

A carta do Acio é cortiña (cinco entrantes, catro peixes, tres carnes e tres sobremesas), pero ademáis ofrece de martes a venres a mediodía un menú do día a prezo imbatible: 15 euros. Este menú consiste en dous entrantes fixos, un segundo a elixir entre dous e sobremesa.

Esa semana (o menú cambia tódolos martes) os entrantes eran canelón de polo e uvas e crema de porros con bacallau e aceite de perexil. De segundo pódese elixir entre xarda á brasa con texturas de cabaza ou arroz con paspallás e coliflor. E para sobremesa galleta, limón e vainilla.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *