Polo e salmonela

PollosOs cociñeiros que me dan carne de aves pouco cociñada póñenme dos nervos. A salmonela agarda.

Cando me preguntan en que punto quero o entrecot sempre contesto o mesmo: que a vaca diga muuuu cando lle meta o garfo. Resulta evidente que me gusta moi pouco feito.

Pero se a carne de vaca non me gusta moi cociñada (outra cousa é esa tenreira asada en tarteira das casas de comidas de toda a vida, que está ben cociñada e moi, moi rica), na de porco as zonas medio crúas non me gustan nadiña e cando se trata de aves, entón xa saco as unllas se non veñen suficientemente cociñadas.

Non se trata de escrúpulos respecto dun alimento cru, senón dunha elemental prevención sanitaria. Pasei un bo número de anos traballando entre veterinarios para saber de sobra de que nas carnes crúas de porco existe un certo risco sanitario derivado da triquina e nas carnes crúas de aves existe case a certeza absoluta de que nos enfrontamos a un cóctel de salmonelas. Por iso hai que andar con ollo.

Certo que as inspeccións sanitarias son moi estritas e no caso da triquina dos porcos case infalibles, pero no que respecta á salmonela nas aves non hai inspección que valga: se decomisan todas as aves con salmonela conseguirían, simplemente, sacar o polo do mercado. ¡Íase armar boa se de repente o mercado queda desabastecido dun carne básica como a de polo!.

En Estados Unidos, que para algúns é a meca da seguridade alimentaria, ou mesmo a meca sen máis apelidos, bañan os polos en lixivia antes de sacalos ao mercado e quedan tan panchos. Pero nin así se libran da salmonela.

Segundo di a web de Consumer Eroski, nos últimos días se produciron varias ducias de intoxicacións por salmonela en Estados Unidos causadas polo consumo de polo mal cociñado. Contan que os intoxicados mercaron preparados de polo (san jacobos e similares) que imaxinaron cociñados e se limitaron a quentar no microondas cando deberían telos cociñado no forno. O resultado foi que o microondas quentou o polo, e supoño que o cociñou, pero non destruíu as salmonelas, que non resistirían a temperatura do forno.

Algúns seguro que pasaron os peores días da súa vida, que unha intoxicación alimentaria é o peor que se lle pode desexar a un inimigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *