Enoturismo en Galicia

De Colineta

Galicia conta cunhas excelentes condicións para o enoturismo, unha modalidade que vai espertando aos poucos entre nos

Recentemente a adega Condes de Albarei adquiriu o Pazo de Baión para o que ten un interesante proxecto de enoturismo, unha actividade que combina viño e turismo e que en Galicia, malia contar con moitos atractivos no mundo do viño, está insuficientemente explotada.

Mentres agardamos a apertura dese centro de Baión que promete converterse nun faro para viaxeiros interesados no mundo do viño, este verán abría en Meis un hotel onde o viño vai ser protagonista de varias formas. Trátase do Hotel Nova Vila, vencellado a Vilanova Peña, unha das principais firmas galegas de decoración e complementos para a mesa.

O establecemento é o primeiro galego que se une ao clube de hoteis do viño. Segundo nos contou en Arroz con chícharos (Cadena SER Galicia) o seu propietario, José Luis Vilanova, o viño vai estar presente en todo momento e non so para catalo, senón ata no baño das habitacións, onde os clientes poderán gozar de diversas produtos elaborados con viño.

O hotel so abre nas fins de semana e da a benvida aos seus clientes cunha cea-cata, na que se degustan os mellores caldos das Rías Baixas. Todo nunha casa de 1775.

Pode que o máis curioso deste hotel é que ademáis se converte nun show-room de Vilanova Peña, así que ben podería darse a seguinte conversa:

– Camarero, ao remate da cea láveme os pratos e prepáreme a factura, que os levo para a casa.

Todo o que hai no hotel está á venda alí mesmo ou nas instalacións que Vilanova Peña ten en Ribadumia.

Vinosobroso, en Mondariz

Outro caso salientable de turismo enolóxico en Galicia é o de Vinosobroso, unha iniciativa da enóloga Cristina Alcalá, na localidade pontevedresa de Mondariz.

Vinosobroso é unha empresa de enoturismo, pero tamén de asesoramento a empresas do mundo do viño. Dispón dunha casa de máis de 100 anos de antigüidade recentemente restaurada na que ademais de descansar se poden realizar actividades de todo tipo relacionadas co mundo do viño.

Cristina destaca como especialmente interesantes as catas-maridaxe de vinos e conservas galegas, así como todo tipo de actividades relacionadas co mundo do viño e a viticultura, sempre tendo en conta a estacionalidade dos traballos na viña.

En Vinosobroso as actividades realízanse sempre para grupos mínimos de oito persoas, polo que o mellor é organizarse cos amigos e concertar o programa previamente.

Segundo Cristina Alcalá, nos meses de verán son turistas chegados de fora de Galicia os que copan a actividade de Vinosobroso, pero no resto do ano cada vez é maior o interese dos galegos por este tipo de turismo.

As recomendacións de Cristina Alcalá podemos atopalas tamén na sección de viños de Parasaber, unha web do grupo Prisa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *