Hai quen non se entera

En paralelo ao caso das vieiras de Ferrol, inda que non moita xente caera neso, hai nos medios un non-sei-que arredor das estrelas Michelín concedidas aos restaurantes galegos, e parece que non todo o mundo ten as cousas claras.

Probablemente a primeira metedura de pata apareceu en Vieiros, onde na entradiña dunha información se aseguraba que Toñi Vicente era posuidora da única estrela Michelín concedida a un restaurante galego. Eu so o vin na entradilla da información que me chegou vía Bloglines, xa que cando entrei no xornal o erro fora corrixido, supoño que despois de recibir os comentarios dalgún lector aclarando a cousa.

Hoxe é Antón Reixa, en El País, o que se equivoca. Fala da insistencia dos medios arredor das estrelas Michelín e di: “aunque debo recordar que, hasta donde yo sé, no sólo ella en Galicia ha merecido el reconocimiento de la guía Michelin (como se insistía en el tratamiento rayano al sensacionalismo de la información), sino también Casa Marcelo goza de ese reconocimiento” e con moita chispa continúa “Espero que así como la redada ha contribuido a la divulgación de la toxina, no tengan que detener a mi amigo Marcelo para que se enteren todos de su estrella Michelin.”.

Pois ben, para quen non a coñeza aquí vai a lista de restaurantes galegos cunha estrela Michelín na actualidade:

Toñi Vicente e Casa Marcelo en Santiago de Compostela

Casa Pardo e Playa Club na Coruña

La Taberna de Rotillo en Sanxenxo

Casa Solla en Poio

A Rexidora en Bentraces (Ourense)

Yayo Daporta en Cambados

Fogón Retiro da Costiña en Santa Comba (A Coruña)

Total: nove estrelas en Galicia. En novembro sae a próxima edición da guía ¡a ver que nos depara!

Desinformación

Doutra banda, a desinformación arredor de cómo se eliminan as toxinas das vieiras segue nos xornáis e na rede. Na edición dixital de Atlántico Diario, de Vigo, leo un artigo da axencia EFE do que supoño que os lectores sacarán dúas conclusións:

1. As toxinas están nas vieiras crúas

2. As toxinas non resisten as altas temperaturas dun forno cando se fan en empanada.

Semella que se están a confundir toxinas con microorganismos. Efectivamente, os microorganismo que causan intoxicacións alimentarias (salmonella e demais colegas) morren pola acción da calor. Pero aquí estamos a tratar de toxinas, é dicir, de substancias químicas que, segundo din os que saben do tema, non se ven afectadas pola temperatura. Así que se hai toxicidade antes de cociñalas tamén a hai despois.

¿Qué falta?: “cabeza, Calixto, cabeza”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *