O misterio dos santiaguiños estivais

¿De onde procedían os santiaguiños que supostamente se prodigaron no verán galego?. Na foto unha cigala real, procedente de Senegal (comparen o seu tamaño co da man)

Hai días lía que este verán houbo moito santiaguiño en Galicia e a nova chamoume a atención, sabedor como son de que se trata dunha especie que se non está en vías de extinción pouco lle falta, o que significa dúas cousas: a época de capturas é moi limitada e a cantidade de santiaguiño que se colle moi pequena. Así que a tal abundancia me chamou a atención. E decidín mirar datos, buscar e falar con xentes varias.

O primeiro foi comprobar cal é a época de capturas en Galicia. Eu lembraba que noutro tempo so era hábil o mes de xullo, pero rapidamente puiden ver que a cousa cambiara e en 2008 en Galicia so se poderá pescar santiaguiño entre o 1 de outubro e o 31 de decembro, exactamente o mesmo que sucedeu o ano pasado.

Segundo os datos estatísticos da Consellería de Pesca da Xunta de Galicia, en 2007 capturáronse en toda Galicia un total de 1.313 quilos deste marisco, sendo as lonxas de Fisterra (360,25 quilos) e A Coruña (330,50 quilos) as que maior cantidade de santiaguiño subhastaron. Ademais delas, so superan os 100 quilos as lonxas de Malpica, Burela e San Cibrao, e nalgúns portos as vendas cóntanse en gramos: 300 gramos na lonxa da confraría do Grove. Chamoume a atención a enorme diferenza nos prezos acadados na subhasta: entre 10 e 147 euros o quilo.

Suxiren a posibilidade de que este verán se venderan santiaguiños da pasada campaña que se mantiveran vivos en cetaria. As capturas son tan escasas que me parece imposible que superen o Nadal, e ademais oito meses de cetaria seguro que cansas a calquera crustáceo. Así que chamo á confraría de Fisterra e pregunto.

Por alí non viron santiaguiño no verán e non saben de onde puido chegar, pero o que si teñen ben claro é que na cetaria poden aguantar algúns días, incluso semanas, pero nunca oito meses.

En internet atopo algunhas páxinas que ofrecen santiaguiños, pero en conversa telefónica indícanme que nesta época non hai, ata que chego a todomariscos, que si os teñen pero de inmediato aclaran que non son de aquí.

A resposta á pregunta sobre a súa procedencia sorpréndeme: Senegal. O meu interlocutor explícame moi amablemente que ten viveiros no país africano e que se trata dun marisco distinto dos santiaguiños galegos, moito máis grandes (practicamente coma unha langosta) e de moi boa calidade. Na súa web identificase como “cigala real”.

Tamén ten viveiros en Portugal e de cando en vez trae santiaguiños deste país. Asegúrame que os portugueses son iguais que os galegos, pero que hai moi poucos. Portugal non ten veda.

O responsable desta empresa ponme sobre outra pista; un viveiro de Luarca sempre ten deste marisco.

E miren por onde, resulta que en Salsa de Chiles Carlos Maribona fala do lugar e dos santiaguiños que comeu este verán. Trátase da cetaria Sport, á que chamo de inmediato e me indican que nestes días non hai porque non se está capturando nada e que durante o verán si tiveron pero pouco, como sempre.

Comprobo os datos estatísticos asturianos. Segundo a Dirección General de Pesca do Principado de Asturias en todo o ano 2007 capturáronse nesa comunidade 1.055,85 quilos de santiaguiño. Hai capturas tódolos meses do ano, polo que supoño que na comunidade veciña, como no caso portugués, non hai veda.

Polo que respecta a 2008, de xaneiro a xullo en Asturias capturáronse 427,68 quilos de santiaguiño (en xullo 41,14 quilos e de agosto aínda non hai datos).

Queda claro que si no verán houbo “moito” santiaguiño en Galicia non era galego, nin asturiano nin parece que portugués. ¿De onde demo era entón?. A web da Junta de Andalucía non me devolve datos sobre as capturas de santiaguiños (que si aparecen entre as especies subhastadas nas lonxas andaluzas), así que me quedo coa dúbida, inda que non creo que sexa Andalucía unha gran produtora destes crustáceos. O que si aprendo é que tanto en Asturias como en Andalucía, e naturalmente en Galicia, o Scyllarus arctus leva o galeguísimo nome de “santiaguiño”.

Como no canto de despexar dúbidas sobre os santiaguiños estivais cada vez se fan máis grandes decido mirar os libros: “Guía dos mariscos de Galicia”, de Rosa Ramonell, editada por Galaxia. Conta que este crustáceo vive no Atlántico Oriental, dende o sur das Illas Británicas ata as Azores. E tamén en todo o Mediterráneo. ¿Chegarían os deste verán de Marrocos ou Túnez?. Seguiremos preguntando.

NOTA FINAL: Cando estou mirando a guía escoito voces debaixo dela. E no canto de chamar á CNN para venderlles a exclusiva do libro que fala, armando de rigor científico levanto a guía e miro que está derriba do meu teléfono móbil. Na pantalla di: Marcelo Tejedor (vese que o libro se pousou sobre a tecla de chamada e repetiu a última que eu fixera). Así que falo con Marcelo sobre santiaguiños e cóntolle dos senegaleses, que el identifica de inmediato como as cigalas reais que comía en Francia. “Son todo un espectáculo e ademais riquísimas”, asegura.


One thought on “O misterio dos santiaguiños estivais

  • 15 de Setembro de 2008 at 16:59 04Mon, 15 Sep 2008 16:59:13 +000013.
    Permalink

    Buenísimo tu estudio. Asi da gusto que se eche luz sobre las cosas. Hablar basándose en rumores es fácil, pero contrastar los datos, pocos lo hacen.
    Sigue echándonos luz a los ignorantes en el tema.

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *