Chef Rivera bota algo de luz sobre as vieiras de Toñi

Parece que as cousas, polo menos no que se refire a Toñi Vicente, se van aclarando. Acabo de escoitar na Radio Galega unha entrevista con Chef Rivera como vicepresidente da asociación Xantares, á que pertence Toñi, bastante reveladora.

Na entrevista Chef Rivera indicou que levaba toda a mañá reunido con Toñi preparando un comunicado, polo que considero as súas palabras dignas de todo crédito.

Rivera indicou que Toñi foi detida no seu restaurante cando mercaba uns capachos de vieira (penso que falou de dous) e foi conducida, esposada, a Ferrol. Cualificou a actuación de Toñi Vicente como descoido e erro e tentou, moi timidamente, xustificar á cociñeira compostelá. Pareceume bastante mal asesorado en materia de comunicación.

Eu sigo con dúbidas:

¿Cantas vieiras estaba mercando Toñi?

¿Cantas mercou en ocasións anteriores?

¿Que pasa coas catro toneladas incautadas en Xanquei?

¿Cal é a causa da presenza de toxina nas vieiras e noutros mariscos galegos?

¿Qué planes ten a Xunta para poñer solución a este problema? (en Ferrol leva dez anos prohibida).

¿Cando imos ter toda a información sobre o caso?

¿Cando imos saber con certeza o resto de restaurantes implicados? (xa estou farto de ler que hai máis cociñeiros “de prestixio” implicados).

¿Cantos inspectores en materia de alimentos ten a Xunta en Galicia?

¿Cantos dos que critican a Toñi mercarían as vieiras a 80 céntimos se lle las ofreceran? (a resposta non desculpa a Toñi).

A entrevista a Chef Rivera pódese escoitar na web da Radio Galega, programa Un día por diante, alredor das 12,20 horas.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *