Botelo e androlla comenzan o camiño cara a IXP

De Colineta

A Xunta de Galicia comenza a tramitación das IXP da androlla e o botelo

As Indicacións Xeográficas Protexidas “Botelo de Galicia” e “Androlla de Galicia” comezan unha andadura, que se prevé longa, ata o seu recoñecemento por parte das autoridades da Unión Europea.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio da solicitude, por parte da Consellería do Medio Rural, do rexistro de ditas IXP. O mesmo anuncio deberá ser publicado no BOE, quedando aberto un prazo de dous meses para a presentación de posibles emendas antes da súa remisión a Bruxelas. A Consellería prevé declarar a protección transitoria dos dous produtos a comezos do próximo ano. Esta declaración provisional permitirá empregar as IXP en España.

Características dos produtos

A obtención da Indicación Xeográfica Protexida permitirá amparar os botelos e androllas producidos na zona oriental de Galicia a partir de carne de porco de excelente calidade. No caso de “Botelo de Galicia”, poderán acollerse a esta indicación xeográfica protexida os embutidos elaborados cun mínimo de 70% de carne de costela e aos que se lle poderán engadir coiros, soá, magro, ósos da cabeza e outros ósos con carne, nunha determinada porcentaxe. O condimento utilizado na produción de botelo protexido deberá ser sal común, pemento dóce e picante, allo e, de forma opcional, sal nitrificante e ourego. Este produto cárnico, convenientemente adobado, deberá ir embutido en cegos, estómagos ou vexigas de porco que posteriormente se someterán a un proceso de afumado con leña de carballo. Como é tradicional, o seu consumo realízase logo da cocción e o peso oscila entre medio e cinco quilos, en función de se vai embutido en cegos e vexigas, ou en estómagos. A área de produción amparada abarca 47 concellos da provincia de Lugo e 17 de Ourense.

Por outra banda, para acollerse á IXP “Androlla de Galicia” a composición deste produto farase cun mínimo de 90% de carne de costela e coiros, obtida a partir de despezamentos de porco, aderezada e embutida en intestino groso de porcino ou de vacún, e que, ao igual que o botelo, se somete posteriormente a un proceso de afumado con leña de carballo. O peso do produto oscila entre 200 gramos e un quilo e o seu aspecto exterior vén determinado pola forma da tripa. A área de produción é máis limitada no caso da androlla, cinguíndose a 12 concellos da provincia de Lugo e a 17 de Ourense, situados na zona máis oriental e montañosa da nosa comunidade.

No tocante á materia prima, en ambos casos os expedientes especifican que a carne debe proceder de machos castrados ou de femias que non estean en celo no momento do sacrificio, o que garante a obtención dunha calidade óptima da carne.

Estes peculiares produtos véñense elaborando de forma tradicional na parte oriental de Galicia, en diversos concellos de Lugo e Ourense. A orografía accidentada da zona e o seu clima de montaña determinaron o asentamento da poboación en núcleos illados, o que creou a necesidade de aprovisionarse de produtos cárnicos non perecedoiros para dispor deles durante todo o ano. Os bosques de caducifolias que poboan a zona abasteceron dende sempre aos habitantes destas comarcas de leña de carballo, coa que tradicionalmente se afuman estes embutidos. Tanto para o botelo como para a androlla, o clima oceánico de montaña característico deste territorio é determinante para a súa cura natural e, xunto coa calidade da materia prima, a tradición artesanal na elaboración e o afumado con madeira de carballo, son os elementos que lles outorgan unha personalidade e identidade diferenciada. Neste sentido, cómpre destacar que, agás na comarca do Bierzo, non existe ningunha outra zona do mundo na que se elaboren embutidos deste tipo.


One thought on “Botelo e androlla comenzan o camiño cara a IXP

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *