Ensaladas mornas

De Colineta

En Galicia as ensaladas mornas, principalmente de grelos e de xudías verdes, están na cociña campesiña dende hai xeracións

Eu non sei cando chegaron as ensaladas mornas á cociña actual, pero si sei que os galegos levamos xeracións poñéndoas na mesa, moi especialmente as de grelos e xudías verdes, inda que tamén serviron para o mesmo fin a coliflor ou os tirabeques.

Tódalas ensaladas mornas tradicionais de Galicia van cortadas polo mesmo patrón: verdura cocida que antes de ir ao prato se amaña cunha allada, o noso prebe máis popular, por non dicir o único, froito de fritir allos en aceite e ao final engadir pemento, doce ou picante segundo o gusto de cada un.

Esta forma básica da ensalada morna galega podíase completar cun chourizo cocido xunto coa verdura, ou máis comunmente cun ovo cocido, de maneira que se convertía en prato único para a cea, por poñer un caso. De grelos comín moitas, e moi ricas, en Mondoñedo, na primeira metade da década dos setenta, cando fun estudante de bacharelato na cidade episcopal.

Pero nunca a comín como a explica Álvaro Cunqueiro en A cociña galega: os grelos “Pódense cocer enteiros, e ben escurridos, hase botarlles unha allada, cousa común no mais do país. Pro hai unha receita millor, e que tamén se leva: pártense os grelos, cos tocos, -aos que se lle tiraron os fíos, e mondaron-, e cócense. Escurrense moi ben, moi ben. E nunha tixela bótase manteiga de porco, -ou si queredes, aceite-, e dóuranse uns allos nela. E cando os allos están dourados, bótanse os grelos na tixela, e reméxese ate que chupan toda a manteiga ou aceite. Sírvense moi quentes, e poden ir acompañados de ovos fritidos”.

A ensalada de grelos ou de xudías verdes tamén se pode amañar cun pouco de aceite de oliva virxe cru no caso de preferilo á allada.

Nestes días preparei así unhas estupendas xudías verdes que atopei na praza. Simplemente cocidas en compaña dun chourizo, servidas mornas e molladas cun espléndido aceite de oliva. Aproveitei para probar os chourizos de Torre de Núñez, que cocidos resultaron un acompañamento excepcional para as xudías e crus xa me entusiasmaron menos.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *