O sabor das cereixas e as uvas

Xeados de cereixa, refrescos de uva, ¿saben de verdade ao que ofrecen?

Houbo un tempo en que eu traballaba en Area Central e nos cines do centro había xelados Baskin Robin. Agora nin traballo alí nin hai tales xelados. De toda a oferta o winter white era o meu preferido: cereixas e chocolate branco.

Pero sempre me preguntaba porque relacionaban aquel sabor co das cereixas. Levo toda a vida comendo cereixas e nunca comera unha que tiveran un sabor parecido a aquel. Así que imaxinaba que era cousa dos norteamericanos, xa que non so atopaba aquel sabor no winter white, senón tamén na cherry coke que tomaba en Miami e no Doctor Pepper, que me gusta máis que a coke. Ata que un día probei as cereixas cociñadas, unhas cereixas do país, e descubrín que alí estaba o sabor do xelado e dos refrescos. E caín na conta do afeccionados que son os norteamericanos aos pasteis de cereixas, así que cheguei á conclusión de que os fabricantes de aromas e sabores fixaron como cereixa o das cereixas cociñadas.

Imaxino que o mesmo que me pasou a min co sabor cereixa lle pasará a moitos consumidores de Postobón co seu sabor uva.

– Mire, ¿esto do Postobón non era unha equipa ciclista?

– Pois si, señora, pero tamén é unha marca de refrescos moi popular en Colombia, con sabores a uva e mazá, entre outros.

O Postobón de uva, que agora xa se atopa en Galicia en tendas especializadas en produtos suramericanos e nalgunhas grandes superficies, ten cor de viño tinto novo, unha cor violeta certamente sorprendente nun refresco, pero o máis sorprendente para a meirande dos que o proban é o seu sabor e o seu aroma, no que non recoñecen as uvas (o mesmo que me pasou a min coas cereixas).

Non sei de onde sacaron os colombianos ese sabor de uva, pero eu asegúrolles que sabe ás uvas que cada setembro probo con deleitación pola Amaía, uvas desa caste híbrida, que por aquí chaman catalán, un pouco aceda un pouco doce e moi, moi aromática. Deliciosa.

Unha caste que da uns viños iguais á uva pero máis acedos, que cando están ben feitos, cousa que non é frecuente, resultan moi apetecibles para o verán polo frescos que resultan, e dos que no seu tempo falou, e moi ben, o mestre Álvaro Cunqueiro. Dos seus bagazos obtense ademáis a augardente máis aromática de cantas se producen en Galicia.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *