“Mirando al mar”… comín en Domus

Crónica dunha comida no restaurante Domus, de A Coruña, en compaña dalgúns membros da Asociación Galega de Catadores

Con motivo da inauguración do IV Salón de Viños e Augardentes de Galicia tiven a oportunidade de participar nunha comida con algúns dos membros da Asociación Galega de Catadores e convidados entre os que se atopaba o presidente da denominación de orixe Bierzo. Se non fora porque o único que tirou de cámara fotográfica durante toda a comida fun eu, aquilo ben podía parecer una xuntanza máis dos blogastrónomos galegos (minutos antes de saír para a comida atopei no recinto do Salón con Foucellas e familia, en visita de inspección previa a outra máis profesional, sen xente miúda).

A comida tivo lugar no restaurante Domus, que rexenta Eduardo Pardo, que ese día se atopaba ausente xa que asistía ao casorio de seu irmau pequeno, o único da familia que non ten oficio gastronómico, xa que Eduardo é fillo de Ana Gago e Eduardo Pardo, cociñeira e maitre de Casa Pardo. Curiosamente, o mesmo día, pero na provincia de Pontevedra, tamén andaba de boda Beatriz Sotelo, Cociñeira do Ano, de A Estación. Era a súa propia boda.

Para quen non coñeza o Domus, direi que está emprazado no edificio en que se atopa un dos máis afamados museos científicos coruñeses, A Casa do Home, a Domus, un proxecto do arquitecto xaponés Arata Isozaki, que deseñou unha enorme vela de pizarra que mira ao mar do Orzán, como fan tódalas mesas do restaurante, de maneira que un come contemplando unha fantástica paisaxe marítimo-urbana.

Despois dun aperitivo no que destacaba a empanada comezamos cunha espléndida vieira ao forno con crema fina de pataca e vinagreta de Módena. E cando digo espléndida non é só polo estupendo do prato, senón polo enorme tamaño da peza.

De seguido chegou á mesa unha pescada do pincho en salsa verde con berberechos e navallas. Polo menos eso era o que anunciaba o menú que tódolos comensais tiñamos impreso. Pero a salsa verde non era a habitual con moito perexil, senón un prebe cun interesante punto de pemento da Vera e uns chícharos que xustificaban a denominación. Moi ben tanto a pescada coma os berberechos, abertos sen máis, e as navallas, moi tenras.

Os aperitivos e primeiros pratos acompañáronse con brancos galegos: Coto de Gomariz (D.O. Ribeiro) e Valtea (D.O. Rías Baixas). Houbo algo de coña con Xosé Lois Sebio, de Coto de Gomariz, que sentaba case fronte a min, e moita festa cando o Gomariz se acabou, xusto no momento en que servía a carne, coa que nos ofreceron un tinto Joaquín Rebolledo Barrica (D.O. Valdeorras).

O prato de carne foi unha fazula de tenreira galega con patacas panadeira e pementos do piquillo. Absolutamente tenras e melosas as fazulas, pero sorprendentemente seco o seu exterior. Dinlle moitas voltas e sigo sen entender o porque de tal sequedade. Non se trata da costra que a prancha quente cría sobre a carne. Amoloume abondo, xa que o interior estaba perfecto.

Como sobremesa un vasiño de tres chocolates “Tres texturas” absolutamente impresionante e unha estupenda créme brûlée con espeto de froitas e xelado de framboesa.

Rematamos cun espantoso café de boda e un chupito de licor café que nos quitou a mala impresión da boca. Non pregunten polo prezo, que ía convidado.


3 thoughts on ““Mirando al mar”… comín en Domus

  • 06 de Agosto de 2008 at 08:45 08Wed, 06 Aug 2008 08:45:37 +000037.
    Permalink

    La previsión no era errónea: buena comida en la Domus. Tendré que repescarla, que la última vez – hace ya años – no me cautivó precisamente.
    Por cierto, la visita “profesional” tendrá lugar mañana mismo.

    Reply
  • 06 de Agosto de 2008 at 09:17 09Wed, 06 Aug 2008 09:17:17 +000017.
    Permalink

    A mi el restaurante de la Domus nunca me ha acabado de llenar. He ido en varías ocasiones y simepre para llevar a invitados de visita en la ciudad, por sus maravillosas vistas que siempre les impresiona. Vistas que en parte compensan los altibajos de la comida.

    Reply
  • 07 de Agosto de 2008 at 13:43 01Thu, 07 Aug 2008 13:43:42 +000042.
    Permalink

    Me uno al club de la lucha. El restaurante de la Domun a mi no me “puso” demasiado la unica vez que fui pero visto lo visto habra que darle otra oportunidad.
    Eso si, las vistas geniales…

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *