¡Que coñeros os “Cerveceros”!

Un ano máis, Cerveceros de España publica a súa enquisa sobre as preferencias dos españois e os galegos á hora do aperitivo. ¡Todos queremos cervexa e aos “Cerveceros” volve a medrarlles o nariz

Entre cólico e cólico tomo uns minutos para escribir sobre as cousas do día.

– ¿E logo, atópase mal? ¿Comeu algo que non lle caeu ben?

Non señora, non, os cólicos son de rir mirando as novas sobre a mellor das serpes de verán, como chamamos os xornalistas a esas que aparecen cando non hai nada que contar e todos exprimimos ata a última gota.

Rin tanto que xa non me doe a barriga: danme cólicos. A mediodía chegábame a nova da serpe de verán cervexeira e, como me gusta o tema e o teño máis que demostrado, rapidamente me puxen a pedir a información oficial, que acabo de recibir.

Pensaba que algún becario de ADN e 20 Minutos estaba bébedo esta mañá, pero resulta que en realidade se limitaron a reproducir o que di a nota de prensa emitida por Cerveceros de España, aos que este ano hai que recoñecerlles que traballaron máis que nos anteriores.

Así que leo “Si bien la cerveza es la bebida favorita a la hora del aperitivo en todas las comunidades autónomas, Galicia es una de las que más la consume” e dame un cólico. Unha vez reposto sigo coa lectura da nota e chego a onde di “No es de extrañar que la preferencia de los gallegos sea superior por la cerveza ya que posee una gran tradición en esta comunidad” e outro cólico. Menos mal que a nota é curta, que senón ía acabar con maniotas na barriga.

Non vou insistir moito na realidade galega, así que me limito a remitirvos a anteriores post: De viños con Angelina Jolie, sobre el consumo de ceveza en Galicia, outra vez a coña dos cervexeiros.

Os datos da enquisa son os seguintes: o 70 % dos galegos cita a cervexa como bebida preferida á hora do aperitivo fronte ao 27% que cita o viño, que se sitúa en terceiro lugar, despois dos refrescos. (Descanso un chisco, pola dor de barriga). O 1% dos galegos decántanse polo cava, bebida que non aparece entre as preferencias de ningunha outra comunidade autónoma, incluída Cataluña (outro cólico).

Das seis comunidades das que me mandan datos, en catro casos a porcentaxe de bebedores de cervexa supera á galega, así que non sei porque din que “Galicia es una de las que más la consume”. As porcentaxes son as seguintes: País Vasco 69%, Cantabria 63,5%, Estremadura 85%, Cataluña 71 % e Valencia 71%.

No apartado das tapas é onde os resultados da enquisa melloran substancialmente e os galegos por fin vivimos como tales (¿estará facendo efecto o anuncio de Gadis?) e preferimos a tortilla, o polbo ou a empanada, cousas que en 2005 non aparecían por ningures, excepto a tortilla, e os galegos queríamos para acompañar a cervexa cousas tan nosas como as “rabas”. (Estou por facer unha enquisa entre amigos e veciños a ver cantos coñecen este prato).

En fin, pasado o bo momento, estou xa impaciente pola chegada de 2009 e a nova enquisa de Cerveceros de España, que me fai pasar uns momentos divertidísimos.


3 thoughts on “¡Que coñeros os “Cerveceros”!

  • 01 de Agosto de 2008 at 12:19 12Fri, 01 Aug 2008 12:19:05 +000005.
    Permalink

    Ni ahogados en cerveza se creen estos que en Galicia el vino ocupe la tercera posición y la cerveza la primera, aunque tengamos la mejor cerveza del mundo.

    Reply
  • 01 de Agosto de 2008 at 16:31 04Fri, 01 Aug 2008 16:31:08 +000008.
    Permalink

    Harían la encuesta en las cervecerías ! Otra explicación …

    Reply
  • 01 de Agosto de 2008 at 18:01 06Fri, 01 Aug 2008 18:01:29 +000029.
    Permalink

    Cuanto humorista se perdio en las clases de estadistica, visto lo visto.

    De hay la famosa frase en gallego “vamos tomar o viño” incluso cuando lo que se va a beber es un zumo de piña.
    Sin duda esa aficion de la encuesta por la cerveza se debe al clima caluroso y agobiante de la comunidad gallega, donde los largos veranos de mas de 40 grados….

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *