Pazo de Baión será o maior centro de enoturismo de España

Agardan 50.000 visitantes ao ano e na finca producirán un viño que queren vender só en adega

Uns 50.000 visitantes ao ano agardan no Pazo de Baión para 2010, despois de que a adega Condes de Albarei, que recentemente se facía coa propiedade que antano foi residencia de narcotraficantes, decidira montar alí o maior centro de enoturismo de España. “Démonos un prazo de dous anos para materializar este proxecto, que suporá a apertura dunha nova liña de negocio innovadora en España e na que esperamos recibir máis de 50.000 visitantes no ano 2010”, explica Xavier Zas, xerente de Condes de Albarei.

Zas tamén indica que “Con esas 22 hectáreas de viñedos do Pazo de Baión temos a intención de elaborar unha liña de viños de alta gama”, que se concretará “nun vino de finca ou de pago do que produciremos 160.000 botellas ao ano que se converterá en un referente a nivel mundial”.

O obxectivo de Condes de Albarei é que este novo viño elaborado en Baión se venda na súa totalidade en adega unha vez que o centro de enoturismo estea funcionando.

Unha vez rehabilitado o Pazo, emprazarase no mesmo un hotel, un área de eventos e congresos e unha gran zona de atención ao cliente, segundo indican fontes da adega.

Condes de Albarei é una cooperativa fundada por oitenta socios en 1988. Vinte anos despois, esta adega cambadesa conta con case catrocentos socios, produce 2,5 millóns de botellas e rexistrou unha cifra de negocios de nove millóns de euros en 2007, o que supón un crecemento do 20 por cento con respecto ao exercicio anterior. De feito, Condes de Albarei mantivo un crecemento do 20 por cento de media dende o ano 2001.

O noso plan estratéxico contempla manter este ritmo de crecemento ata o 2010, no que temos previsto alcanzar una facturación de 12 millóns de euros”, explica Xavier Zas.


3 thoughts on “Pazo de Baión será o maior centro de enoturismo de España

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *