Aberto o período de captura de nécoras e polbo

Outros mariscos, como a centola, seguen en veda

Hoxe, 7 de xullo, en Pamplona corren diante dos touros e en Galicia facémolo detrás das nécoras, que é precisamente nesta data cando se abre o período de captura deste apreciado marisco, que se poderá coller ata o 31 de decembro en todo o país. Tamén hoxe se abre a época de captura de polbo, que está sometido a un plan de recuperación.

O verán é unha das épocas de maior demanda de marisco na nosa terra por mor dos milleiros de visitantes que aquí chegan ávidos de comer o mellor marisco do mundo e, a poder ser, a prezos incomparables. Semella que moitos viven aínda a ilusión de cambiar ouro por abelorios, como nos mellores tempos do imperio colonial. Ilusos.

Parte de razón ten o dito que fala de que o marisco so se pode comer en meses con “r”, letra que non levan, nin en galego nin en castelán, maio, xuño, xullo e agosto. Claro que ninguén ten nunca razón absoluta, así que o dito tampouco é certo por completo.

Para moitas especies o inverno é o mellor momento xa que é entón cando están máis en comida. Pero outras, coma os mexillóns, cando ofrecen as súas mellores carnes é precisamente no verán. Hai para todos, pero non vou entrar nas diferentes calidades do marisco galego segundo as datas, senón na existencia ou non do mesmo no mercado… e dos conseguintes enganos, que de todos é sabido que os hai, dando marisco de importación por marisco galego. O engano convertese en estafa cando ademais o importado se paga ao prezo do da terra.

As vedas dos mariscos réxense polo Plan Xeral de Explotación Marisqueira que a Xunta de Galicia aproba a comezos de cada ano e que establece dous procedementos moi diferentes segundo o tipo de marisco. O Plan potencia a participación das confrarías na regulación da actividade marisqueira no referido a moluscos e algún outro marisco. Desta maneira, son as propias confrarías as que propoñen á Xunta as datas en que se poderá recoller o marisco en cada zona e a Xunta aproba eses plans sempre que recollan uns requisitos mínimos. Deste sistema sae unha longuísima lista de datas e lugares nos que se permite o marisqueo, que sería demasiado longo reproducir aquí, polo que os interesados deberán consultar directamente o Diario Oficial de Galicia (non esquecer a corrección de erros).

No que respecta á meirande parte dos crustáceos, o Plan establece datas fixas de veda aplicables en toda Galicia. As datas autorizadas para a captura das diferentes especies son as seguintes:

Nécora (Necora puber): do 2 ao 4 de xaneiro e do 7 de xullo ao 31 de decembro

Lumbrigante (Homarus gammarus): do 1 de xullo ao 15 de setembro

Santiaguiño (Scyllarus arctus): do 1 de outubro ao 31 de decembro

Lagosta (Palinurus elephas): do 1 de xullo ao 15 de setembro

Cangrexo (Carcinus maenas: todo o ano

Conguito (Macropipus corrugatus): do 2 xaneiro ao 31 de marzo e do 1 de xullo ao 31 de decembro

Patulate (Macropipus depurador): do 2 xaneiro ao 31 de marzo e do 1 de xullo ao 31 de decembro

Centola (Maia squinado): do 2 de xaneiro ao 30 de xuño e do 24 de novembro ao 31 de decembro

Boi (Cancer pagurus): do 2 de xaneiro ao 30 de xuño e do 16 de novembro ao 31 de decembro.

Agora, se tedes un minuto, mirade o que se ofrece a día de hoxe en moitos escaparates e en moitas webs dedicadas á venda on-line de marisco “gallego” e sacade as vosas propias conclusións.


One thought on “Aberto o período de captura de nécoras e polbo

  • 10 de Xullo de 2008 at 00:59 12Thu, 10 Jul 2008 00:59:20 +000020.
    Permalink

    Era bueno tomar nota de las fechas, porque despues ves cada barbaridad por ahí …

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *