Patacas bravas

Os heroes clásicos foron a pasearse no ‘callejón del Gato’”, di Max Estrela, o poeta cego de Luces de Bohemia, a obra de Ramón María del Valle Inclán, que poucas liñas despois define, a través do protagonista, o xénero literario por el creado: “Os heroes clásicos reflectidos nos espellos cóncavos dan o Esperpento”.

Imaxino que non serán os mesmos espellos que viu Valle Inclán (demasiada traxedia viviu Madrid logo de Valle para que seguisen intactos), pero moitas veces paseei polo Callejón del Gato (de Álvarez Gato, di o rueiro oficial madrileño), unhas veces por puro pracer de revivir na miña cabeza as páxinas dunha obra literaria que me marcou moi novo (lina por obrigación no bacharelato, e despois durante moito tempo, por devoción, relíaa todos os anos), outras por estar de paso pola zona e algunhas por tomar unhas bravas no bar en cuxa fachada se atopan os espellos e cuxo nome non recordo.

As patacas bravas son moi madrileñas. Eu polo menos descubrinas alí, fai máis de trinta anos, cando nunca antes oíra falar delas, e afeccioneime especialmente ás do Brillante, na praza de Atocha, aínda que no Callejón del Gato tamén se tomaban moi boas (aquí tamén servían e supoño que serven tortillas con salsa brava, pero se a salsa era boa a tortilla nunca acabou de convencerme) e, naturalmente, na praza de Quintana (popularmente chamada así pola estación de Metro que se abre na mesma), onde outro bar cuxo nome tampouco recordo presume de ser o berce da salsa brava e ata asegura posuír a patente.

Fóra de Madrid nunca tomei unhas boas patacas bravas, aínda que mellor sería dicir que nunca tomei unhas bravas, boas ou malas, ao estilo tradicional madrileño.

É moi frecuente que polo mundo adiante sirvan as bravas cunha salsa de tomate picante por adición de pementa, tabasco ou similar, cousa que choca de fronte coa tradicional receita madrileña, na que o tomate xamais está presente. Naturalmente, estas bravas tamén teñen os seus defensores, e se non miren o que publica Ligasalsas. Faise a tradicional salsa madrileña exclusivamente con aceite de oliva, pemento doce e picante, fariña e caldo, de cocido ou de xamón preferentemente.

As patacas deberán estar cortadas en dados gordos e fritidas en aceite non demasiado quente, de forma que queden moi tenras por dentro e pouco renxentes por fóra. Nunca as bravas e fan con patacas cocidas, aínda que algunha vez mas serviron así polo mundo adiante; da mesma maneira, as patacas ao ali-oli, madrileñas sempre serán cocidas e nunca fritas.


2 thoughts on “Patacas bravas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *