Olivas picantes

– Será roñoso, tres olivas para acompañar unha caña de cervexa, dixen aquel día de finais de 1976 en que uns amigos me levaron a un dos locais máis curiosos daquel tempo en Madrid, unha taberna na que o tempo se detivera moitas décadas antes excepto para ir deteriorando a madeira que compoñía a práctica totalidade do interior do lugar.

– Xa veremos se as acabas, contestou un dos meus amigos. Pois resulta que o labor non foi fácil, porque aquelas olivas picaban unha auténtica barbaridade.

Penso que o local se chamaba “Los Pepinillos” e estaba situado ou na rúa Fuencarral ou en Hortaleza, máis ou menos á altura da praza de Chueca. Pero o mesmo que non estou seguro do nome nin do emprazamento, tampouco sería capaz de asegurar que fora completamente certa a pintura que hoxe faría, de memoria, dun local que desapareceu pouco tempo despois porque o edificio estaba en ruínas, case coma o local, e foi derribado para construír un edificio novo. O que nunca esquecerei é como picaban as olivas que poñían coa cervexa aos que se atrevían co picante.

Outras olivas picantes que lembro moi ben mercábaas nunha tenda tradicional, especializada en encurtidos, ao pe do mercado de Torrijos, na madrileña rúa de Hermosilla. Olivas aliñadas e picantes, inda que moito menos que as de “Los Pepinillos”, certamente deliciosas.

Vénenme á cabeza aquelas olivas picantes porque hoxe atopei as da fotografía, recheas de jalapeño, en Mercadona. Sinxelamente deliciosas para quen lle guste o picante lixeiro, inda que os non afeccionados sempre dirán que abrasan. Contos.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *