Tarta de Santiago e cociña ampurdanesa

Veña Xurxo, vai ti pola sobremesa e trae Tarta de Santiago para todos.

Era a primeira comida da viaxe, pero despois dunha longa mañá de visitas aos arrozais de Pals (Xirona) e ás plantacións de mazás e pexegos da cooperativa Costa Brava, o ambiente no grupo de xornalista que viaxabamos polo Ampurdán era xa moi distendido e prestábase ás bromas.

Eso sería a ostia, respondeu Xurxo no mesmo momento en que a metade dos comensais se levantaban da mesa para ir ao buffet na busca da crema catalana ou as tortas diversas. Eu tamén fun na busca dunha pera ao viño cando me vin sorprendido pola chegada á mesa das sobremesas dunha ¡Tarta de Santiago!. Con moito éxito por certo.

Rimos con gañas a situación que lembraba a tantos restaurantes galegos que na sobremesa non se complican e sistematicamente ofrecen tarta-de-santiago-tarta-al-guisqui-e-tarta-de-queixo.

Foi o momento cómico dunha estupenda comida. Evidentemente non é o buffet o mellor sistema para gozar da alta cociña, así que os membros de Cuina de L’Empordanet recorreron para a ocasión aos grandes pratos tradicionais da cociña ampurdanesa, na que a gran protagonista é a mestura de carnes e mariscos, encabezada polo polo con cigalas, un prato excepcional.

Foi difícil para todo escoller ese día a comida e xa que a oferta era ampla e tentadora eu optei por pedir encarecidamente que me serviran so un chisquiño de cada prato, para poder probar varias especialidades.

Así que comecei pola esqueixada e os embutidos do Ampurdán, espléndidos nos dous casos, e a escalivada, que non resistía a comparación coa que nos serviran na cea da noite anterior.

Entre os pratos fortes non podía faltar esa marabilla que é o polo con cigalas, espléndido inda que me tocou un anaco de peituga algo cocido de máis e, polo tanto, reseco. E probei o coello con caracois e centolo que se pode ver na foto, e o pato con cunchas (mexillóns). Estupendos os dous, pero sen chegar á potencia e conxunción dos sabores do polo e as cigalas.

Pero deixei pasar de longo o polo ao viño do Ampurdán, as unllas de porco asadas, as albondegas de peixe azul, a xibia con chícharos, o suquet de xarda, o peixe sapo á mariñeira, o polo con lumbrigante, as fabas e chícharos, os cogomelos con verduras e as cabaciñas recheas.

¡Aquilo parecía unha voda galega!

Remato xa deixando aquí a foto da Tarta de Santiago, sobre a que publico unha reportaxe no número de xuño da revista Origen. Esquecín preguntar se andaba algún galego pola cociña.


One thought on “Tarta de Santiago e cociña ampurdanesa

  • 25 de Xuño de 2008 at 14:26 02Wed, 25 Jun 2008 14:26:17 +000017.
    Permalink

    La tarta de Santiago es un gran postre, pero el problema es que en la mayoría de los sitios la tienen como un reclamo (pasa algo parecido con el pulpo) y suele estar de pena. Buenas buenas probé pocas.

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *