Polas terras do Ribeiro

“… de viño / que auga non bebo…”. Nin chiqui-chiqui, nin patrias asturianas nin as especialidades de Asunción. Na última xuntanza dos blogastrónomos galegos, desenvolvida por terras do Ribeiro con visitas a adegas e viñas e adegas e viñas, treixaduras, tostados, polifenoles, índices de maduración, grado probable, lías, levaduras, brancos, tintos… so se cantou o miudiño cunha voz de tenor e doce máis de medo (temor, moito temor ao ridículo), acompañados ata pola condutora do microbús.

Eu cheguei o último á cita en Ribadavia e son tamén o último en escribir sobre a reunión, e despois de todo o que levan largado Magago, Sole, o Goumert, Borralleira, Makeijan, Moraiminha e Foucellas case non queda nada por descubrir sobre esa atípica xantanza que triunfou coma ningunha por moito que no aspecto gastronómico fora a menos destacada.

O viño, que non é auga, fíxonos descubrir novos aspectos do Ribeiro, como as outras tintas, as áreas de descanso no medio das viñas ou os monstros e máis monstros que xorden detrás de calquera cepa, cepas máis altivas que os andaluces de Jaén aos que cantou o poeta, os viños do futuro se a climatoloxía o permite, o novo e o vello e como todos nos agarramos alí onde podemos, e pouco a pouco a cousa vaise poñendo costa arriba, mentres dende unha charca miles de ollos nos miran e o camiño se retorce e esvaece ante nos, e vimos o tostado escoltado polos treixaduras, parentes próximos, e mil prodixios máis ata que chegou o momento da despedida e peche. Todo o que nos vimos no Ribeiro pódese ver no álbum de fotos que colguei en Picassa.

2 thoughts on “Polas terras do Ribeiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *