Arroz con botelo

Falaba onte do caldo “á antiga” que comín o venres camiño de Madrid. No regreso decidín parar a comer nun lugar mítico da ruta Galicia-Madrid: o Mesón de Quiñones, na localidade de Celada de la Vega, a poucos quilómetros de Astorga.

Noutro tempo era parada obrigada para unha boa parte dos que viaxaban entre Galicia e Madrid porque se atopaba na metade dun longo camiño, cando non había autopistas e atravesar Pedrafita e o Manzanal parecíase máis a unha aventura de Indiana Jones que ao paseo actual.

No Mesón de Quiñones sempre se cociñou comida tradicional, caseira, de fonda raigame leonesa, e polo que puiden comprobar o domingo a cousa segue a ser igual, inda que sen aglomeracións de clientes xa que agora hai que botarse fóra da autopista para chegar alí. Malia todo, o comedor acabou enchéndose.

Como sempre, o menú ofrecía a especialidade da casa dende hai décadas: “judías blancas”. Sinxelas pero moi saborosas.

Eu decidinme polo arroz con botelo a pesar de que xamais pido arroz, excepto alí onde sei que vai estar no seu punto. Pero nunca probara a mestura de arroz e botelo e tiña gañas de facelo, así que me tirei á piscina.

Tal como supoñía, o arroz estaba pasado, pero ese era un risco xa previsto así que non me queixo. Cando digo pasado quero dicir que o cereal estaba máis brando do que a min me gusta, pero afortunadamente aínda lle faltaba moito para chegar á categoría de papas.

Pois non vai ser a única vez que probe este arroz con botelo. Como esperaba, trátase dun arroz potente, moi sabedeiro, cunha boa cantidade de botelo en anacos, lixeiramente picante. Gustoume, pero se cadra sobraba un chisco de aceite na preparación.

Na montaña de Lugo e na parte oriental de Ourense fanse botelos e androias, pero non sei se os preparan con arroz, así que quedo á espera de novas de calquera lector coñecedor da zona e deixo aquí o enlace coa receita que atopo na web da IXP Botillo del Bierzo. O que eu comín en Celada non levaba repolo.

3 thoughts on “Arroz con botelo

  • 29 de Maio de 2008 at 09:30 09Thu, 29 May 2008 09:30:34 +000034.
    Permalink

    Na zona de Valdeorras, que é de onde eu podo falar, que eu saiba non é habitual facelo con arroz. Alí o tradicional é servilo con patacas, chourizos, repolo e, se acaso, cenouras e/ou chirivías.

    E un licor café como fin de festa.

    Preguntareille ós maiores, a ver qué me din.

    Reply
  • 17 de Xaneiro de 2010 at 15:26 03Sun, 17 Jan 2010 15:26:40 +000040.
    Permalink

    En Ourense hacen androias, pero en la tripa gorda y también a veces en el estómago (aunque éste normalmente se toma salado y cocido). La androia es parecida al botillo con el mismo relleno, pero algo más pequeña.

    La androia se toma normalmente con patatas y grelos cocidos; o navizas (hoja del nabo) en lugar de grelos si no es la época)

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *